Entrevistas

DOCUMENTALISTA, TRADUTORA E ESCRITORA

Anxos Sumai: "A presenza efectiva da muller é o camiño para a desaparición de etiquetas"

Anxos Sumai 06-05-2007
Anxos Sumai (Catoria, 1960) é documentalista, tradutora e escritora. Desde o ano 2001 escribe no portal Cultura Galega nas seccións 'Anxos e diaños', 'Anxos da garda' e 'Crítica da memoria pura'. Colaborou na revista Guía dos Libros Novos e no Diario Cultural da Radio Galega. Entre os traballos de tradución destacan os Diarios de Syra Alonso e Tres tempos e a esperanza de Mariví Villaverde. Como escritora publica Anxos da garda e Melodía de días usados, participa en libros colectivos como Pano de Lona e Fisuras no cotián. Nove narradoras no relato de xénero. Colabora con Teatro de Ningures co texto Deus está de vacacións para a montaxe Emigrados (2007).
Que opinión tes sobre etiquetas como 'literatura de muller' ou 'narrativa galega de muller?
Non creo nas etiquetas nin en ningún cualificativo que limite a literatura. Creo, iso si, nos condicionantes da educación e na calidade literaria, na forma de mirar, de imaxinar e de narrar dos escritores e das escritoras. No meu caso, non escribo tendo en mente ningún tipo de militancia.

Cres na pertinencia e efectividade de atribuírlle a aparición de narradoras recoñecidas a un proceso de planificación cultural?
Creo que ese proceso existe pero tamén é lóxica a coincidencia dun grupo de narradoras neste momento. Acontece en moitos ámbitos, non só na literatura, que agroman mulleres exercendo profesións de todo tipo. É a consecuencia do acceso da muller ao ensino e da consecución de tempo e espazo para poder crear. Eu pertenzo a unha xeración en que aínda se valoraba máis o traballo doméstico da muller que o seu traballo creativo. De feito, só puiden escribir cando conseguín liberarme das propias presións que eu me impoñía antepoñendo o traballo da casa á creación literaria. Até que resolvín o meu conflito co espazo familiar e conseguín ese 'cuarto propio' do que falaba Virxinia Woolf, non puiden dedicarme a escribir da maneira en que o fago agora.

Á hora de faceres a selección de obrasde narrativa de muller, como valoras a importancia decisiva da última década?
Malia ser unha mirada parcial da literatura, o mellor de ter feito esta selección é que comprobei que a medida que aumentan as obras asinadas con nomes femininos, tamén se van abrindo os temas e as formas de narrar e, cada vez máis, as escritoras atrevémonos con todo tipo de xéneros e puntos de vista. Interésame esa presenza efectiva da muller porque ese é para min o mellor camiño para a desaparición das etiquetas.

Cales pensas que son as achegas fundamentais da narrativa escrita por mulleres?
A calidade das obras é a achega que máis me interesa. Alén diso, as autoras ofrecéronlle á nosa literatura temáticas novas e tamén personaxes femininas ás que quizais un narrador non lles daría esa entidade literaria. Valoro tamén o coidado do idioma, porque as novas xeracións (tanto de escritores como de escritoras) tiveron acceso ao ensino do galego e gústame ver como elas recollen palabras do ámbito íntimo feminino, do corpo, das emocións, das cociñas…

Cualifícase, desde posicións conservadoras, o vivencial ou o territorio da sentimentalidade como motivos máis frecuentes na creación de muller. Como pensas que se pode traballar en contra disto?
Non é cuestión de traballar en contra nin a favor de nada. É cuestión de traballar, simplemente. Eu reivindico o sentimental e o intimista na literatura e creo que traballando, ofrecendo boas obras, conseguiremos acabar co sentido pexorativo que sempre se lle atribuíu ao sentimento e ao íntimo nas obras escritas por mulleres.

Pode ser a literatura unha das frontes para a igualdade?
A literatura é o camiño máis lúdico e lúcido para abrir espazos para a crítica e a disidencia, xera conflitos e ofrece respostas neste e noutros temas. Sempre abre frontes, pero xeralmente son frontes nas loitas individuais. Con todo, pouco a pouco, como grans de area, estou certa de que influirá nun cambio de visión colectivo, e non só no tema da igualdade.

Que é para ti o feminismo?
Como todo o que para min supuxo unha loita contra o papel que me fora asignado como muller, o feminismo foi unha forma de entender a vida e agora para min significa respecto. Algo tivemos que aprender do feminismo como espazo de disidencia, de crítica e de discusión e diso debería quedarnos o respecto cara ás diferenzas e os espazos alleos. Tamén o vexo, e xa que falamos de literatura, como unha forma de non abaixar a cabeza á hora de ofrecermos as nosas obras. É unha manifestación de orgullo.

Imprimir

Novas relacionadas:

Lecturas temáticas:

Premios:

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |