ARREDOR DO 36
Anxo Angueira e a poesía da memoria
09-12-2006
Anxo Angueira Viturro (Manselle, 1961) é doutor en Filoloxía Galega e profesor. No ámbito da creación literaria publicou, entre outros, os libros de poemas
Val de Ramirás e
O valo de Manselle, e en narrativa
Bágoas de facer illas,
Pensa nao e
A morte de A. No ámbito da investigación ten estudos sobre as obras de Rosalía de Castro ou Fernández Morales,
Guía de Lectura de Con pólvora e magnolias de X. L. Méndez Ferrín,
De Rosalía a Dieste.
33 Anos das Letras, unha edición crítica de
Poesía enteira de Heriberto Bens, e a introdución e antoloxía de
La poésie galicienne de 1936 à 1990 (Bélxica). Na actualidade está preparando a edición crítica de
Bretaña, Esmeraldina, novela de Méndez Ferrín, así como a publicación da súa tese sobre esta.
Moitos especialistas falan de que a investigación sobre literatura e memoria desenvolveuse desigualmente con moitas zonas escuras. Como o ves?
Si, porque é un mundo moi amplo, e daquela claro que quedan zonas de sombra. É un traballo que non se dá rematado nun ano, por moitas actividades que promovese a Consellería. Aínda hai moito que desenterrar e aínda hai que seguir cavando en moitos lugares, histórica e literariamente. Hai persoas que se convocan adoito, aparece sempre nos poemas o secretario xeral do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda, pero hai outras persoas que non aparecen tanto. As actividades dos Arraianos ou dos Miñoranos, o Barco da memoria, contribuíron a agrandar a nómina. A historia non se explica só con falar de Bóveda ou dos exiliados, porque a represión foi brutal. Os Arraianos fixéronlles, no alto do Furriolo, unha homenaxe aos fusilados e represaliados, tamén os Miñoranos lembraron os fusilados en Baiona, e o Barco da memoria a represión no mar. Pero queda moito, aínda que un ano axude.
Xa que che tocou facer unha selección de obras poéticas que traten a cuestión da memoria da guerra civil, que pensas do discurso que fala de sobreprodución desta temática ou mesmo de oportunismo?
En ningún caso falaría de oportunismo nin de sobreprodución. Iso dino os inimigos da memoria histórica. Esta eclosión paréceme moi positiva. Hai máis camiños para a creación, evidentemente. En narrativa houbo quizais máis produción. En poesía o tema estivo presente no exilio, con Rey Baltar ou Emilio Pita. Hai unha liña da memoria que se mantivo pero sempre foi marxinal. O que ocorre é que a narrativa sempre se ve máis nos escaparates.
Dado que hoxe temos escribindo poesía persoas de moi diferentes idades, desde xente que naceu coa guerra até outra que xa non viviu a ditadura, consideras que hai trazos sistematizábeis segundo as xeracións de poetas que se achegaron ao tema?
Si, aínda que cada poeta teña o seu mundo. Eu analizando a poesía de Heriberto Bens observei que hai unha liña de poesía política galega que ten unha dimensión épica. Visítase a Roi Xordo, os asasinados na guerra civil, os guerrilleiros. É unha poesía culta, en versos hendecasílabos alexandrinos. Daquela, Lorenzo Varela, Heriberto Bens, Darío Xohán Cabana, herdan dalgunha maneira o discurso poético de Cabanillas e de Pondal. E xa máis recentemente Xosé María Álvarez Cáccamo. Nos máis novos eu descoñezo produción sobre este tema, pero si hai unha tradición da poesía galega.
Como ves a progresiva incorporación do tema da guerra á literatura infantil e xuvenil?
Para min a literatura infantil e xuvenil non se debe entender de maneira illada. Hai literatura e nalgunha un protagonismo de personaxes que son nenos ou rapaces. Pero non ten por que ser unha literatura ligth, cunha consideración subalterna da intelixencia dos máis novos e da súa capacidade para gozar da literatura. Miguel Hernández escribiu as Nanas de la cebolla.
E o xeito de reflectilo nas últimas promocións poéticas?
En xeral penso que esta é unha cuestión tratada de maneira máis indirecta na poesía dos máis novos. Non está presente ese estilo elexíaco que hai en Álvarez Cáccamo, en Ferrín, en Darío Xohán Cabana. Non me veñen agora á cabeza autores máis novos. O último libro que inclúo na miña escolma, Poemas pola memoria, é xa unha publicación ad hoc. Estiven reparando nos libros historiográficos sobre a memoria da guerra e neles si que hai monográficos, cousa que non ocorre na poesía. Longa noite de pedra ou a obra de Pimentel teñen poemas que se achegan a este período histórico pero non hai poemarios completos. Poderiamos sinalar o caso do Cancioneiro da loita galega, pero é unha escolma. Ao final vemos que é un tema que temos moito máis achegado a xente que vivimos o franquismo e que aínda coñecemos as persoas que asasinaron.
Imprimir