Entrevistas

PROFESOR DE LINGUA E LITERATURA GALEGAS

Ramón Nicolás e a narrativa da memoria

Ramón Nicolás 09-12-2006
Ramón Nicolás Rodríguez (Vigo, 1966) é profesor de Lingua e Literatura Galegas. Crítico literario, tradutor e investigador literario, dirixe a colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais. É coautor de diversos libros de orientación didáctica e preparou as edicións de escritores como Manuel Lugrís Freire, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Luís Acuña ou Manuel Lueiro Rey. Participou na elaboración do Diccionario da Literatura Galega e escribiu monográficos sobre autores como Lugrís ou Celso Emilio. Entre as súas obras está tamén unha recolleita do labor como crítico, Papeis de literatura (dez anos de revisión
crítica).
Os especialistas din que na investigación histórica quedan aínda zonas de sombra, sen explorar. Ocorre o mesmo na narrativa?
É ben probábel. Gran parte da narrativa arredor do 36 recolle experiencias a título individual e nunha modalidade ficcional. Aínda falta se cadra unha visión máis global de determinados tipos de represión. Non con correlato na persoa senón cunha visión máis xeral. Quizais a visión máis coral e máis polifónica estea na obra de Manolo Rivas, Os libros arden mal.

Que pensas do discurso que fala de sobreprodución desta temática, ou mesmo de oportunismo?
En primeiro lugar, respecto ás acusacións de sobreprodución opóñome rotundamente. Se facemos unha revisión bibliográfica da narrativa vinculada coa memoria do 36 en realidade o que atopamos é que aínda foi escasamente tratada. Ramón Valenzuela, por exemplo, escribe a finais dos 50 unha obra que non se publica até os 80. É daquela cando aparece ficción arredor da memoria do 36. É aínda unha temática que estou certo de que dará froitos ben fermosos. Non é unha veta acabada. E por outra parte nunca se pode falar de oportunismo cando esas visións afondan no coñecemento de nós mesmos, no acceso a coñecérmonos.

Dado que hoxe temos escribindo narrativa persoas de moi diferentes idades, desde xente que naceu coa guerra até outra que xa non viviu a ditadura, consideras que hai trazos sistematizábeis segundo as xeracións de narradores que se achegaron ao tema?
Tal vez si. Habería que abordar unha sistematización de todo o corpus sobre a memoria. É claro que as primeiras propostas, con Ramón de Valenzuela, Alonso Ríos, Lueiro Rey, son de persoas que viviron o 36 e nas que é moi doado ver un eco biográfico que se vai perdendo cos anos, cando xa o coñecemento non é de primeira man. En todos eu advirto un afán de afondar nunha realidade que durante moito tempo nos foi silenciada desde o ámbito da ficción. Pero non como axuste de contas senón como intento de transmitir unha realidade negada. O exercicio de memorialismo e xustiza sería o trazo común á hora de explicar un acontecemento histórico tan importante do século XX.

Como ves a progresiva incorporación do tema da guerra na literatura infantil e xuvenil?
Isto é moi interesante. Incluín na selección Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz pero podería ter escollido outros, como A sombra descalza de An Alfaya, ou Noite de voraces sombras tamén de Fernández Paz. Daquela, vexo como algo moi valioso a introdución desa temática na literatura infantil e xuvenil, coa súa maneira de beirear e de afondar no período que se inicia coa guerra. Falo xa como profesor de Secundaria e vexo que os meus alumnos descobren a idades temperás, con 14, 15 e 16 anos, unha realidade que descoñecían. Sorpréndense do feito de que non hai moitos anos houbo unha guerra, aquí non con fronte senón cunha represión moi forte. A curiosidade lévaos a preguntarlles ás súa familias, e volven á clase con historias que non coñecían, algo que ten unha importancia extraordinaria e axuda a abrir os ollos e a coñecérmonos a nós mesmos. É un exercicio rico e necesario recomendar este tipo de lecturas para acceder a unha determinada maneira de afrontar a historia e as súas consecuencias.

Imprimir

Lecturas temáticas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |