Entrevistas

DIRECTOR XERAL DE CREACIÓN DE DIFUSIÓN CULTURAL

Luís Bará: "Acrecentaremos a dimensión económica e industrial do libro galego"

Luís Bará 05-12-2006
O director xeral de Creación e Difusión Cultural fala con Praza das Letras sobre os proxectos do seu departamento de cara a potenciar a industria galega do libro.
No borrador da Lei fálase dun obxectivo principal como é o incremento dos índices de lectura, fundamentalmente
na xente nova e nos sectores menos sensibilizados. Crearase para iso un plano de fomento da lectura?

Temos que ter en conta a situación de partida, cuns índices de lectura e de compra de libros que estan moi por baixo das medias estatais e europeas. Para invertir esta situación, cómpre actuar en diversos ámbitos e facelo cun conxunto de medidas articuladas e secuenciadas no tempo. Neste sentido, a Lei do libro acompáñase dun Plano de fomento da lectura que deberá estar aprobado nun prazo de seis meses desde a entrada en vigor da Lei. Este plano, do que xa existe un borrador que conta cun amplo consenso, contempla medidas encamiñadas a elevar os índices de lectura da cidadanía, ao fomento dos hábitos lectores da poboación atendendo aos sectores máis desatendidos ou con necesidades específicas, a promover o coñecemento da literatura galega, a favorecer a consideración social do libro e da lectura aumentando a súa visibilidade, e a potenciar o papel dos mediadores e promotores da lectura en todos os ámbitos
da sociedade.

Con respecto a este último grupo, que accións se consideran necesarias?
Prevese o desenvolvemento dun amplo programa de formación e actualización dirixido a mediadores culturais, programas que formen a pais e nais como lectores e animadores da lectura, a creación de clubes e grupos de lectura integrados por ensinantes e profesionais das bibliotecas, o fortalecemento do papel dos libreiros como lectores e fomentadores da lectura, etc. A maiores está previsto organizar encontros e xornadas anuais para a presentación de experiencias e o intercambio de ideas, así como a creación de certames anuais dirixidos a promotores da lectura coa finalidade de valorar, estimular e recoñecer o seu labor. Consideramos en todo caso necesario definir ben as funcións de cada quen e estabelecer certas pautas en relación co que poderían ser "boas prácticas" en materia de promoción da
lectura.

O feito de que se traballe tamén na lei de bibliotecas xa dá unha idea de cal se considera desde a Consellería un dos puntos estratéxicos de cara á consecución dos obxectivos. Estase promovendo un estudo para facer unha diagnose da situación das máis de 300 bibliotecas que hai no país?
O problema que nos encontramos é que non existen datos actualizados e fiábeis sobre a situación das bibliotecas públicas, polo que decidimos elaborar un estudo sobre o número real das que existen con persoal específico e horario de apertura ao público, as características dos edificios e o seu equipamento, o investimento anual na mellora dos fondos ou a realización de actividades de fomento da lectura; ademais, recóllense datos sobre a poboación que potencialmente atenden e o número de socios e usuarios. Sobre a base desta información estamos elaborando un Mapa e un Plano Xeral de Bibliotecas que se desenvolverá ao longo dos próximos 4 anos. Mais como cómpre actuar xa sobre a realidade existente para transformala, estamos poñendo en marcha un conxunto de medidas dirixidas a bibliotecas nas que se inclúe o impulso de actividades formativas, a mellora dos fondos bibliográficos cun investimento anual de 2,4 millóns de euros no 2006 e de máis de 3 millóns no 2007 que permitirán actualizar e ampliar as coleccións, un programa de modernización do mobiliario e do equipamento informático cun investimento anual de máis de 600.000 euros, o fomento
dos clubes de lectura relacionados con bibliotecas, a oferta dun amplo catálogo de actividades de fomento da lectura que darán comezo no primeiro trimestre do 2007, etc. Xunto con estas medidas está previsto potenciar a idea da biblioteca mediadora, coa ampliación das posibilidades de acceso á información mediante as novas tecnoloxías, o desenvolvemento dun novo portal de bibliotecas e a posta en funcionamento dunha nova versión de programa Meiga.

Xa no relativo á industria editorial, cales son as accións que se prevén para a mellora da súa profesionalización e afianzamento como sector estratéxico, nun contexto de crise que vai alén de nós?
Preocúpanos moito a dimensión económica e industrial do libro e neste sentido estamos a traballar nun plano de mellora da industria do libro que recolle actuacións de carácter estrutural, como aquelas de carácter financeiro destinadas á modernización tecnolóxica, á compra de novos equipamentos, medidas de formación e capacitación, creación de servizos compartidos, etc. Ademais, prevense accións concretas de desenvolvemento do mercado nterior que permitan incrementar os índices de lectura e a compra de libros, e que están directamente relacionadas co desenvolvemento da Lei e do Plano de lectura. Por último, articúlase un conxunto de medidas de promoción exterior, co obxectivo de aumentar a difusión da literatura galega, desenvolver programas que favorezan o labor exportador das empresas e que permitan incrementar a presenza en feiras internacionais.

A Lei do libro prevé a creación dun Consello Asesor do Libro, organismo dedicado ao asesoramento á administración...
Efectivamente, trátase dun organismo permanente de estudo sobre o sector do libro e de asesoramento á administración. O seu obxectivo é elaborar informes, formular propostas de actuación para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate entre os diferentes axentes do libro, impulsar a axenda do libro galego ou elaborar informes e estratexias para a promoción do libro e da literatura galega no exterior. O Consello terá unha composición plural, coa presenza de todos os ámbitos relacionados co libro e a lectura (escrita, edición, artes gráficas, distribución, librarías, bibliotecas), para garantir a máxima participación social no desenvolvemento das políticas públicas de fomento deste sector.

Imprimir

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |