Entrevistas

CONSELLEIRA DE CULTURA

Ánxela Bugallo: "O sector do libro é decisivo para o noso futuro"

Ánxela Bugallo 02-05-2006
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, atende a Praza das Letras para falarlle da nova Lei do Libro, das medidas da Consellería que dirixe para fomentar o libro e a lectura e doutras cuestións vencelladas co mundo do libro e da lingua.
Para cando estará lista a nova Lei do libro?
Convén aclarar que se trata dun anteproxecto que foi aprobado por unanimidade na Mesa do Libro e que é froito dun
intenso traballo de moitos meses e dun amplo consenso de todos os sectores relacionados co libro e a lectura. Este é
un punto de partida moi importante que debería facilitar a inminente tramitación parlamentaria. Así e todo, consideramos que arredor do libro se debe lograr un gran pacto no que participen as institucións e toda a sociedade porque se trata dun sector estratéxico desde o punto de vista cultural, económico e social, un sector que precisa dun forte pulo e dunha gran revitalización porque é decisivo para o futuro da cultura e do país. Con respecto ao estado de desenvolvemento do anteproxecto, superou a fase dos informes técnicos e xurídicos internos, e nestes momentos, estamos a espera dos informes dos organismos consultivos externos para poder sometela a aprobación do Consello da Xunta. A seguir pasará ao Parlamento para o conseguinte debate e aprobación, de maneira que previsión que manexamos é que se poida aprobar no presente ano 2006. Somos un dos países con menor indice de lectura, tanto de libros como de prensa, por exemplo.

Como se corrixen estes datos desde unha consellaría?
Efectivamente partimos dunha situación de gran precariedade, que ten unha dupla causalidade: por unha banda trátase
dunha tendencia xeral de descenso dos hábitos de lectura debido á reorganización dos hábitos laborais e de lecer e,
por outra, é o resultado dunha total ausencia de políticas activas de promoción do libro e da lectura nas dúas últimas
décadas.

Para poñer remedio a esta situación hai que impulsar o pacto galego polo libro e a lectura e dotar as políticas públicas
dos medios necesarios para garantir a súa eficacia. Nestes momentos estamos a piques de rematar o plano de lectura, que contempla un amplo catálogo de medidas para cambiar a actual tendencia e marca obxectivos nun horizonte de 5 anos que nos permitan achegarnos ás medias estatais e europeas. As bibliotecas son en moitos casos o centro do primeiro contacto dos nenos e nenas galegos coa literatura.

Que programas leva a Consellaría en relación a elas?
Para nós, as bibliotecas, xunto coa escola e o ámbito familiar son os tres núcleos principais do achegamento á lectura. Parécenos pois fundamental fomentar a relación entre estes tres ámbitos, para que haxa coherencia e continuidade nas medidas de promoción dos hábitos lectores desde as primeiras idades. A respecto das bibliotecas, consideramos que hai que mudar o actual modelo e convertilas en centros da vida social e cultural dos barrios, das vilas ou das parroquias,
transformalas en lugares atractivos, vivos, dinámicos e acolledores, cunha ampla oferta de actividades culturais e de animación e cunha rica oferta de información en todos os soportes. Evidentemente isto pasa por unha boa coordinación da política bibliotecaria, por unha axeitada cooperación cos concellos e, sobre todo, por unha dotación dos recursos económicos necesarios. A realidade é que xa hai un bo número de bibliotecas que están traballando nesta dirección e conseguindo moi bos resultados grazas ao traballo, á competencia e á ilusión de moitos profesionais. Desde a Consellaría estamos impulsando o proxecto Meiga, que pretende definir e facer realidade este novo modelo de biblioteca
pública.ç

Ademais das bibliotecas, que outras medidas contemplan para mellorar os hábitos de lectura?
Recoñecendo a importancia das bibliotecas, da escola e do marco familiar, que son obxecto de atención prioritaria na
planificación da consellaría, entendemos que os libros teñen que ter unha maior presenza na sociedade, deben saír do
ámbito cultural e estar presentes en todos os eidos da vida. E cando falamos do libro estamos a pensar tamén nos autores e autoras, que deben ter unha maior visibilidade social, ser coñecidos e recoñecidos como unha parte central do universo cultural galego. Para conseguir estes obxectivos estamos desenvolvendo novas liñas de programación que teñen como finalidade levar os libros a novos espazos coma hospitais e centros de saúde, cárceres, comercios, medios de transporte ou casas de turismo rural; ademais imos desenvolver novas actividades de promoción do libro, potenciando as presentacións públicas nas cidades e das vilas do país, así coma os encontros con escritores e
ilustradores. Neste sentido, queremos colaborar cos clubes de lectura existentes e incentivar a creación doutros novos,
porque son espazos moi interesantes de achegamento aos libros.

Tamén é moi importante o papel dos medios de comunicación, que deben abrir máis espazos de atención á cultura galega e ao mundo do libro. Pola nosa parte estamos a traballar no proxecto Praza das Letras, que será un grande portal de promoción da lectura no que queremos que participen todos os axentes e sectores relacionados con este ámbito. Unha das primeiras medidas deste goberno foi estender a gratuidade dos libros de texto a toda a primaria,
pero suscitou críticas en principio de libreiros e editores... En principio e con matices, podemos dicir que se trata dunha medida positiva, que formaba parte do programa das dúas forzas políticas do goberno. Evidentemente tamén ten repercusións negativos na industria do libro, sobre todo na edición e no sector das librarías, que xa estaban atravesando un etapa de crise como consecuencia dos descontos e a competencia cada vez maior das grandes superficies comerciais. O noso compromiso pasa por consensuar unha modalidade de gratuidade que sexa menos lesiva para estes sectores e desenvolver medidas de fomento do mercado do libro e da industria editorial, para o que estamos realizando un estudo que prevemos estea rematado antes do verán.

A respecto das librarías, pensamos que deben cumprir un papel máis activo como centros culturais e de difusión
do libro, polo que estamos en conversas coa Federación de Libreiros de Galicia para artellar medidas que permitan revitalizar o papel dos libreiros e a función social e cultural das librarías.

En que está a traballar a consellaria en relación coa promoción exterior da literatura?
Por unha banda estamos reforzando e reorientando a participación en feiras internacionais ás que se estaba asistindo
como Líber, Boloña, Frankfurt ou Bos Aires para que sirvan como escaparate da literatura e da cultura galega en xeral;
ademais, estamos incrementando a presenza noutros eventos como as feiras da Habana e Guadalajara e estabelecendo
contactos no Brasil, nun novo marco de relación coas culturas da lusofonía. Paralelamente estamos traballando no
fomento da tradución, tanto do galego a outras linguas como viceversa, xa que entendemos que as dúas vías son fundamentais para ampliar a proxección da nosa literatura no mundo e contribuir á normalización do sistema literario galego.

Imprimir

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |