
Presentada en outubro deste 2007, na Feira do libro de Frankfurt, ReadGalicia é un escaparate en liña que amosa arredor de 170 obras galegas recentes das que se inclúe un extracto traducido ao inglés. Trátase de obras cuxos dereitos están á venda para que poidan ser estudados e comprados por axentes literarios no exterior.
O catálogo, proposto polos propios editores, é só un comezo e irase completando con novas incorporacións nos vindeiros meses. As fichas de información sobre as obras inclúen fragmentos coa súa correspondente tradución ao inglés, así como datos útiles para estabelecer contactos.
O obxectivo é que esta plataforma se converta nun lugar de referencia para que empresas editoriais estranxeiras coñezan a produción literaria galega, ademais de ofrecerlles a información necesaria para que estabelezan relacións coas editoriais galegas para a venda dos dereitos.
Readgalicia.com pretende espertar o interese de editoriais de todo o mundo achegando diversas propostas de literatura infantil que van desde adaptacións de clásicos como Rosalía de Castro ao tratamento máis recente dos conflitos da infancia, de adiviñas a obras de teatro.
Poderán entrar tamén en contacto cunha boa mostra de obras da nosa literatura contemporánea, así como cun feixe de obras de non ficción que inclúen a divulgación histórica ou a investigación.
Letras a camiñar polo mundo
Axudas á edición en galego
Axudas á internacionalización
Axudas á tradución