
No momento actual, as políticas do libro que se están a proxectar desde a Consellería de Cultura teñen dedicados os seus esforzos á mellora do sistema bibliotecario e de lectura pública, á posta en marcha de diversas campañas de fomento do libro e mais ao apoio directo á edición. Porén, no debate sobre o futuro do libro está moi presente desde hai anos a necesidade de procurar novos mercados fóra do país. En 2006, as nosas editoriais tan só ingresaron 170.000 euros pola explotación de dereitos noutras linguas.
A creación de ReadGalicia, presentada na Feira do Libro de Frankfurt para promover a edición de obras literarias galegas noutras linguas, e mais a recente presenza do libro galego nas feiras de Guadalaxara (México) e A Habana son os primeiros pasos dun programa prioritario para que os nosos autores e autoras gañen lectores fóra das nosas fronteiras. Desta sementeira e das vindeiras deben saír boas colleitas para o cada día máis amplo sector do libro galego.