Cuestións que traballar

Cuestións que traballar

O profundo avance nos beneficios editoriais do ano 2006 non debe ocultar algúns aspectos a mellorar. O máis importante deles é a mantenza dunha excesiva dependencia do libro de texto (48% da facturación) e da literatura infantil e xuvenil (24%), boa parte da cal é de uso escolar. As vendas de obras literarias -nomeadamente, novela- supuxeron o 14% das vendas e o resto de publicacións, outro 14%.

Outro aspecto a ter en conta á hora de interpretar estes datos é o cambio que se produciu na política de apoio ao libro por parte da Consellería de Cultura e Deporte, que sumou ao réxime de subvencións un sistema de compra directa: só a venda a institucións e empresas xa comportou ingresos por catro millóns de euros en 2006, case a cuarta parte dos beneficios totais do exercicio.

Por último, malia os beneficios obtidos, a produción descendeu. O pasado ano reduciuse tanto o número de novidades como o de exemplares publicados. Como consecuencia disto, a tiraxe media pasou de 2100 exemplares en 2005 a 1900 en 2006.

Os datos de mercado deberan continuar mellorando, sobre todo tendo en conta que, a diferenza do que ocorre no resto do Estado -e aínda que o fai a un ritmo aínda moi lento-, a sociedade lectora aínda está a medrar en Galicia. Por outra banda, só un de cada catro libros vendidos no país está en galego, o que constitúe un importante obstáculo, mais unha oportunidade ao tempo: unha política pública de fomento sostida no tempo e un esforzo común entre administración e empresas debe servir para manter o crecemento e facelo durar.


Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |