Historia en datos

Historia en datos
Nos primeiros anos oitenta, a produción editorial en galego dá os seus primeiros pasos como sector e aproxímase aos 500 títulos novos cada ano. Entre 1984 e 1986, con todo, prodúcese un manifesto retroceso na edición até o punto de se reducir á metade o número de novidades publicadas en relación cos anos anteriores.

Mais este bienio foi un recuar na procura de impulso, porque entre o 86 e o 90 recuperouse a tendencia inicial e a produción de novas obras creceu un 63%. Desde entón, o índice de crecemento anual mantense máis ou menos constante: entre 1991 e 2003, o número de novidades anuais alcanza un crecemento do 206%. Só entre 1999 e 2003, o sector empresarial do libro levou ao prelo máis de 10.000 libros en galego. No ano 2005 publicáronse 1.700 novos títulos.

En canto á facturación, os tres últimos exercicios foron os de maior prosperidade na historia do sector. Se en 2003 as editoriais galegas ingresaron 16 millóns de euros, os datos que ofrece o estudo Comercio Interior do Libro 2006 que elabora a Federación Española de Cámaras do Libro revelan que o exercicio 2006 deixou uns ingresos de 27,5 millóns de euros nas arcas das editoriais galegas. Isto supón un incremento do 21,5% respecto do ano 2005 e do 75% en relación coa facturación de 2003. Estes datos son aínda máis significativos se os comparamos cos da media estatal e cos da industria catalá, que medran só un 3 e un 2%, respectivamente.

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |