Este programa quere promover o coñecemento dos creadores e creadoras galegos e o desenvolvemento de programacións estábeis de fomento da lectura por parte de bibliotecas, centros educativos, centros culturais e asociacións. Ofrece dúas modalidades de actividades:
"Letras Vivas Creación" ten como finalidade promover o encontro e o coñecemento dos autores e autoras por parte do público mediante distintos tipos de actividades: conferencias, presentacións de libros, encontros cos escritores, obradoiros literarios, obradoiros de ilustración, recitais literarios ou literario-musicais, lecturas colectivas, etc.
"Letras Vivas Animación" quere fomentar o achegamento aos libros desde unha perspectiva lúdica, mediante actividades de carácter formativo e de sensibilización desenvolvidas por profesionais ou por grupos con acreditada experiencia na realización de espectáculos e actividades de fomento da lectura. Poderán formar parte de "Letras vivas animación" actuacións de grupos de música, teatro de actores, monicreques, maxia, narración oral, así como obradoiros formativos que teñan unha relación directa co mundo da literatura e da lectura.
As entidades interesadas dispoñen dun banco dinámico de actividades, pensado para axilizar e facer máis doada a xestión.