Premios



Fernández Paz, premio estatal de LIX

24-10-2008

Cunha obra de "fronteira", escollida como a mellor do seu xénero e das editadas en castelán, catalán, éuscaro e galego.

Agustín Fernández Paz, que hoxe le o pregón do Día das Bibliotecas, é o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Estado deste ano, polo seu libro O único que queda é o amor. Publicada en 2007, el defínea como "unha obra de fronteira", que poden ler mozos e adultos. O Ministerio de Cultura fixo público onte o galardón, que se suma ao concedido a Justo Beramendi no apartado de ensaio. Os dous autores volven coincidir este ano nun premio, xa que en abril recibiron o da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Integraron o xurado do premio estatal na categoría de LIX Rogelio Blanco, Mónica Fernández, Margarita Salas, Manuel González, Xavier Etxaniz, Emili Teixidor, Cristina Minguillón, Remedios Morales, Marta Rivera, Rosario González, María Penéndez, e os dous últimos autores premiados, Fernando Marías e Jordi Sierra i Fabra.

O libro
"E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor". Este fragmento de Neve de Orhan Pamuk foi o que lle deu a pista a Fernández Paz da existencia dun fío que entretecía unha serie de relatos acumulados nos últimos anos e o que o levou a publicalos nun mesmo volume. Tamén unha cita cinematográfica, "todas as lembranzas son sucos de bágoas", do filme 2046 de Won Kar Wai.

Aborda un tema universal, o amor, como o sentimento que lle dá sentido á vida e, ao mesmo tempo llo quita, o único que nos leva a reformular todo o que nos rodea. Pero o amor tamén é etéreo. Malia a súa intensidade, esváese facilmente. Sobre todo é unha fantasía, que nunca coincide coa realidade. Tamén hai amores que só existen emocionalmente, outros que transitan como pantasmas e outros que van da vida á morte e viceversa.

Todos estes matices están presentes en relatos como "Un radiante silencio", "Unha foto na rúa" ou "Historias de fantasmas", nos que o escritor volve xogar co azar instalado no cotiá.

De xeito transversal Agustín Fernández Paz ofrece a través das súas historias recomendacións das doutros, outro amor omnipresente na obra, o que sente pola literatura. No intento de espallar as letras como algo esencial para sentirnos vivos, vai introducindo referencias deses "libros que alborotan o corazón", como se le no propio texto. O único que nos queda é o amor é, sobre todo, literatura cruzada, compartida e estendida nos textos doutros: José Ángel Valente, Paul Elouard, Pablo Neruda, Paul Auter, Xesús R. Valcárcel...


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |