Justo G. Beramendi (Madrid 1941) é catedrático de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor, cofundador do Museo do Pobo Galego e actual presidente da súa Xunta Reitora. Participou na creación das revistas Negaciones, A Trabe de Ouro e Tempos Novos. Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros libros e artigos de investigación, Vicente Risco no nacionalismo galego (1981), Galicia e a historiografía (1993), Manuel Murguía (1998), Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998), O nacionalismo galego (1995), xunto con X. M. Núñez Seixas ou A Autonomía de Galicia (2005). É tamén ou coautor da edición crítica das obras de Losada Diéguez, Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Risco.
O premio que agora recibe está dotado con 20.000 euros e concédeselle á mellor obra de ensaio publicada en 2007 en español ou nalgunha das outras linguas cooficiais do Estado. O xurado estivo presidido por Rogelio Branco e integrado por José María Pozuelo, Paula Izquierdo e os gañadores das dúas últimas edicións, os filósofos Celia Amorós e José María González.
O Premio de Literatura do Estado foi entregado xa na modalidades de Poesía, outorgado ao poeta catalán Joan Margarit polo seu poemario Casa de Misericòrdia e na de Narrativa, que recaeu no escritor valenciano Juan José Millás pola súa novela O Mundo.