Noticias

50 ANIVERSARIO

Mutacións de 'A esmorga' para o século XXI

06-11-2009
Páxina de "Noite de sombras" Páxina de "Noite de sombras"

Un libro con cd e dvd reinterpreta a novela de Blanco Amor desde o cómic, a música e os xogos de mesa.

Cinco décadas despois da súa aparición en Buenos Aires, A esmorga ocupa un lugar de honra na narrativa do século XX e resiste con frescura o paso do tempo. Para demostrar a súa vixencia, institucións, asociacións e entidades de Ourense únense no proxecto EBA 5.0, un programa de actividades no que ademais de analizar e divulgar a novela, o escritor e o seu legado, A esmorga reinvéntase coas linguaxes do século XXI.

Entre as actividades que celebran o 50 aniversario da publicación da novela, un dos feitos máis salientables é a publicación a mediados de decembro dun libro con cd e dvd que edita Difusora de Letras, Artes e Ideas. Trátase dunha revisión d'A esmorga desde os puntos de vista dos novos creadores, estudosos e activistas culturais da cidade que Eduardo Blanco Amor transformou en Auria.

Pode ser cómic e xogo de mesa...

Unha desas reinterpretacións é a que acometen o guionista Carlos Rafael Ramos e o debuxante Jaime Eizaguirre na banda deseñada “Noite de sombras”. Ambos crean un cómic que “máis que unha versión é unha perversión”, apunta Ramos. Tomando como referente o feito de que tres personaxes deambulen pola noite ourensá, Carlos Rafael Ramos traslada a acción á noite do 1 de decembro de 1979, data da morte de Blanco Amor. Iso outorga un contexto diferente a unha peza de 25 páxinas en formato cadrado na que os tres protagonistas, Brais, Vito e César, festexan a saída do cárcere dun deles.

Tamén sobre un taboleiro se pode revivir de diferentes maneiras a historia do Bocas, o Milhomes e o Castizo. Estes son os tres roles que se poden escoller no xogo de mesa que preparou o grupo de rol da Casa da Xuventude de Ourense, con guión de Emilio Tilve e Marcos Fernández e deseño de Idoia de Luxán. Nun taboleiro no que as casiñas son diferentes de cada vez, os xogadores teñen que chegar os primeiros a casa logo dunha noite de xolda. Para iso deben valerse das habilidades especiais dos personaxes, e xogar con parámetros como a borracheira, a capacidade de pensamento e os rumores. Emilio Tilve sinala d'A esmorga que “é unha novela moi rica que permite facer todo tipo de adaptacións”.

O libro complétase con catro ensaios que abordan a figura de Blanco Amor. En “Da Auria retratada por Blanco Amor á cidade do presente. Cambios sociais e urbanos na Esmorga”, José Somoza Medina fai un percorrido pola evolución e a transformación da cidade e dos tipos sociais da novela. Luis Rei escribe “A Obra Completa de Ramón Cabanillas, outro cincuentenario das angueiras de Blanco Amor”, texto no que relata os avatares da edición da obra completa de Cabanillas, que Eduardo Blanco Amor entregou á imprenta en Buenos Aires. E dous textos achéganse ao Blanco Amor fotógrafo: un de Álex Mene, autor da única tese doutoral sobre esta faceta de Eduardo Blanco Amor, e un segundo do profesor de Belas Artes Xosé Manuel Buxán Bran, que foi director da Sala AlterArte do Campus de Ourense.

... pode ser colección de cancións e incluso curta para móbiles

Os músicos de Ourense tamén quixeron facer a súa achega particular a este proxecto. Dez formacións musicais da cidade prestáronse a crear cadansúa canción tomando como tema os personaxes, ambientes, espazos e situacións da novela. Deste punto de partida saíron as versións de Animales Domésticos, Banda Ourensons, a Banda Municipal de Ourense, Burgas Beat, Gomes Mouro, Guezzos, Nagritte, Peqtores, Sólidos Galicianos e O Sonoro Maxín. Ademais de rexistralos nun álbum, os temas presentaranse en directo o 18 de febreiro, nun espectáculo músico-literario no que participarán os actores Fernando Dacosta, Josito Porto e Suso Díaz.

Outra das propostas deste programa tentacular é a de que a xente nova cree as súas particulares “esmorgas” co teléfono móbil. Esmorgaphone é un certame de curtametraxes gravadas co móbil aberto a todo o público e pensado para estimular o uso creativo das novas tecnoloxías. Do 15 de novembro ao 15 de decembro pódense enviar curtas de ata dous minutos de duración que se acheguen aos ambientes e á temática d'A esmorga. Todas as presentadas poderán verse na web do Vicerreitorado de Ourense da Universidade de Vigo, e a gañadora recibirá como premio un teléfono móbil de última xeración.

E aínda hai máis. Ata febreiro de 2010, o 50 aniversario seguirá celebrándose con exposicións, ofrendas, rutas, bookcrossing, un obradoiro de cabezudos, unhas xornadas dirixidas ao profesorado, a representación da obra para monicreques O horroroso crime do sacristán... A mostra de gratitude de Ourense á novela que a converteu en cidade literaria.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Autores relacionados:

Libros relacionados:

Pezas do xogo de mesa sobre "A esmorga"

Pezas do xogo de mesa sobre "A esmorga"

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |