Noticias

Letras 2010

Mozo Grande

29-06-2009

A Academia Galega escolle o poeta Uxío Novoneyra para dedicarlle o vindeiro Día das Letras.

Ricardo Carvalho Calero, Filgueira Valverde, Antonio Fernández y Morales, Valentín Paz Andrade ou Lois Pereiro. Son estes algúns dos nomes que soaron para o vindeiro 17 de maio e que se seguirán escoitando previsibelmente para anos vindeiros. A decisión da Academia Galega nunha xuntanza realizada o pasado sábado supón a declaración do 2010 como ano de Uxío Novoneyra e ao poeta nado en Parada do Courel dedicaráselle o Día das Letras. No mesmo encontro os integrantes da Academia acordaron que pase a formar parte da institución outro poeta do tempo das Festas Minervais, o cangués Bernardiño Graña, "o mellor artífice e señor das palabras do mar" segundo o cualifica Méndez Ferrín.

Unha iniciativa na rede, Amigos de Uxío Novoneyra, levaba preto de dous anos xuntando apoios para que Novoneyra fose escollido. No pasado mes de abril entregaban máis de mil sinaturas entre as que se atopan o narrador portugués José Viale Moutinho, o poeta arxentino Juan Gelman ou Agustín Fernández Paz. Sabíase ademais, por declaracións recentes nos medios, do apoio na hora da votación de académicos como Margarita Ledo ou Xosé Luís Méndez Ferrín, quen lle dedicara ao seu compañeiro de xeración o poema titulado "Novoneyra" recollido no libro O outro (2002) e de volta na máis accesíbel compilación titulada Era na selva de Esm (Espiral Maior, 2004).

É o escritor de Parada do Courel un dos poetas máis persoais da posguerra. A súa novidosa visión da paisaxe, ligada ás montañas do lugar onde naceu, levouno a ser cualificado pola investigadora Carmen Blanco como “poeta da terra”. Fillo dunha familia labrega estuda o bacharelato en Lugo e asiste en Madrid a clases da Facultade de Letras. Nesta cidade traballará nos anos 60 na radio e na televisión onde trata en exclusiva temas relacionados coa poesía e comezará a súa amizade e colaboración cos membros do grupo Brais Pinto. A súa obra, en permanente renovación e busca de novas propostas expresivas, moveuse entre o intimismo paisaxista d'Os eidos e a poesía civil dos anos sesenta e setenta, con textos como “Viet Nam canto” (1969) ou “Letanía de Galicia” (1970). O poeta que presidiu a AELG desde 1982 até o seu pasamento en 1999 dicía, en conversa con Emilio Araúxo recollida no volume Dos soños teimosos (Noitarenga, 1998): “A poesía entre nós inda segue sendo moito conciencia e voz. Aquí ser poeta conleva unha total responsabilidade”.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Autores relacionados:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |