Noticias

2 E 4 DE XULLO

Viaxe ao 'seicento' compostelán

25-06-2009
Ilustración de Daniel Díaz Ilustración de Daniel Díaz
As xornadas 'Canteiro en Compostela' recuperan o século XVII na cidade coa novela 'Festina Lente' como guía do itinerario.
Festina Lente', a novela de Marcos Calveiro ambientada na Compostela dos séculos XVI e XVII, é o punto de partida das xornadas 'Canteiro en Compostela'. Promovidas polo club de lectura Gálix Tendendo Redes e a Asociación Amigos del Románico, as actividades previstas para os días 2 e 4 de xullo completarán un orixinal percorrido polo románico compostelán, orbitando arredor das artes visuais e a literatura.

O programa argallado pola organización adianta un evento ambicioso. Ao longo dos dous días sucederanse  lecturas colectivas, conferencias, visitas e rutas guiadas e accións de bookcrossing. As xornadas rematarán co recital de peche que lles dá nome, "Canteiro en Compostela", no que intervirán multitude de nomes destacados da poesía galega actual.

O xoves 2 de xullo darán comezo os actos coa lectura colectiva de Festina Lente, baixo coordinación de Ánxela Gracián, tradutora e fundadora do Club Gálix Tendendo Redes. Será no Consello da Cultura Galega, onde a continuación Carlos Sastre, doutor en Historia da Arte e membro directivo de Amigos del Románico, pronunciará a conferencia "De Umberto Eco a Umberto Eco. Relacións entre artes visuais e literatura".

A xornada grande será a do sábado 4 de xullo. O primeiro encontro terá lugar ás 11.30 no Café Literarios da Praza da Quintana. A continuación comezará a primeira das visitas guiadas, un roteiro pola Compostela do século XVI da man de Juan Manuel Monterroso, decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Durante o xantar, previsto para as 14 horas no Restaurante Bonaval, realizarase unha acción de bookcrossing entre comensais. Edicións Xerais de Galicia patrocina esta actividade doando exemplares de Festina Lente e doutros títulos da editorial. As persoas asistentes están convidadas a levar os seus propios volumes escollidos para proceder á súa liberación.

Ás 17 horas, Augusto Guedes, de Amigos del Románico, fará unha visita guiada á catedral. Despois diso, Marcos Calveiro recuperará ao público as orixes da súa novela, o seu proceso de documentación e as súas fontes históricas e inspiradoras do proceso creativo de Festina Lente. Arredor das 19 horas realizarase unha nova acción de bookcrossing, co intercambio de pistas e a procura de libros viaxeiros.

Por último, ás 20 horas comezará o acto de clausura das xornadas. O recital poético "Canteiro en Compostela" xuntará unha morea de voces recoñecidas das nosas letras. Manuel Rivas, Ana María Fernández, Antón L. Dobao, Cesáreo Sánchez Iglesias, Elvira Ribeiro, Estevo Creus, Fran Alonso, Gloria Sánchez, Helena Villar, Marica Campo, Marilar Aleixandre, Marcos Calveiro, Miro Villar, Paulino Vázquez, Rafa Villar, Rosa Enríquez, Xoán Babarro, Xosé A. Neira Cruz, Xosé María Álvarez Cácamo e Ánxela Gracián tomarán parte no recital, acompañados da comunidade do club Gálix Tendendo Redes, da AdR e do público asistente.

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Libros relacionados:

Novas relacionadas:

Documentos:

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |