Trazamos a seguir unha achega ao ensaísta, tamén ao home que liderou o galeguismo da segunda metade do século XX, unha das personalidades máis influentes e controvertidas da vida política e cultural do seu tempo. Tratábase sobre todo de achegase ao escritor, ao editor, á súa influencia como axente do campo literario. Contamos para isto coas voces de Beatriz García Turnes, Dolores Vilavedra e Xosé Luís Franco Grande. Desde a visión inevitabelmente afastada no tempo de tres xeracións, abordaron o labor de Galaxia, o legado de Piñeiro ou a súa visión da literatura.
Xosé Luís Franco Grande, narrador, poeta e ensaísta, pertence por idade e por formación ao grupo de intelectuais que coñeceron a represión da posguerra e tiveron que recomezar a práctica cultural case desde a nada. Nos 50 toma contacto co grupo que acaba de fundar a editorial Galaxia e incorpórase ao seu consello de administración. A súa relación con Piñeiro, directa ou espistolar, andou arredor das catro décadas. Salienta, entre as achegas deste ano, o volume que ten orixe na tese de doutoramento de Miguel Barros e está por ver a luz e o presentado esta semana, Ramón Piñeiro e a reinvención da cultura galega de Xesús Alonso Montero. Académico da Lingua desde o ano 98, o autor d'Os anos escuros: A resistencia cultural dunha xeración non dubida en dicir que, como contrapunto, “está a ritualidade, un pouco litúrxica, das instancias culturais oficiais, que non ten interese ningún ao lado disto”. De Piñeiro destaca, por enriba de todo, o seu traballo político “non como o podemos entender hoxe, senón a longo prazo, cun proxecto que ocupou a súa vida, recuperando a xente de antes da guerra e animando a xente nova”.
A profesora, investigadora e crítica Dolores Vilavedra fala de Piñeiro a partir dos trazos fundamentais que fixara na súa Historia da Literatura Galega que vira a luz en Galaxia en 1998. Para a directora do Anuario de Estudios Literarios Galegos a idea que o intelectual de Láncara expón no seu texto do 59, “Factores esenciais da literatura galega”, contén “criterios que hoxe non nos serven pero que si nos valen para saber como se foi configurando o canon, como hai certos silenciamentos e certas sobrerrepresentacións”. Do legado de Piñeiro subliña que sempre pensou “nas contradicións que lle xeraría o exercicio de realismo que supón baixar á area polític", algo do que di gustar especialmente, canda o seu labor socrático “o seu proxecto de formar as novas xeracións deixándolles liberdade”.
Entre as achegas divulgativas que viron luz nos últimos meses atópase Vida e obra de Ramón Piñeiro, o volume que Beatriz García Turnes preparou para Galaxia, cun perfil da biografía e da escrita do autor da Filosofía da saudade canda unha escolma de textos que abranguen a súa concepción do papel da lingua ou a función da literatura como expresión da cultura dun pobo. Licenciada en Filoloxía Galega e profesora de Secundaria, é especialista en historia da lingua e en sociolingüística. Xustamente neste último campo sitúa un dos maiores acertos da escrita ensaística de Piñeiro “polo reto á política franquista que reducía o galego ao espazo familiar ou á poesía” e a súa demostración de que “a lingua galega é válida para todos os ámbitos”. Por parte, sitúa “na relación con quen serán logo escritores cunha carreira coma a de Carlos Casares ou Xavier Alcalá” a proba do labor do intelectual de Láncara como axente planificador da nosa creación literaria.
Foto: Galaxia
Foto: Real Academia Galega