Noticias

Os premios coñeceranse o 18 de abril

Pato e Calveiro, propostos aos Premios da Crítica

13-04-2009

A Sección de Crítica da Asociación de Escritores propuxo o poemario “Hordas de escritura” e a novela “Festina lente” para os Premios da Crítica do Estado.

A Sección de Crítica da AELG anunciou hoxe as obras propostas para os os premios da Asociación Española de Críticos Literarios. Xuntáronse en Santiago na mañá de hoxe e, logo do debate e votación correspondentes, propoñen para os premios que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander na modalidade de poesía Hordas de escritura, o máis recente libro de poemas de Chus Pato editado por Xerais en 2008 e na de narrativa a novela Festina lente, de Marcos S. Calveiro, que viu a luz tamén en Xerais.

De Hordas de escritura, o terceiro volume dunha pentaloxía que Chus Pato iniciara con m-Talá, o xurado destacou “a solidez do seu discurso vangardista” e a construción dunha poesía que se articula “como unha loita contra a propia linguaxe literaria”.

De Festina lente o xurado valorou “a súa orixinalidade”, trazo que a fai destacábel no conxunto da nosa narrativa, no que a modalidade histórica ten un peso significativo, así como “a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII” e para levar ao plano literario un labor ben trazado na documentación histórica.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |