A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix está a poñer en marcha neste 2009 o Club de Lectura Gálix "Tendendo redes", para o que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e do Consello da Cultura Galega. Estará coordinado pola escritora e tradutora Ánxela Gracián.
O ano vai estar dedicado á literatura xuvenil galega. Ao longo dos meses irán abordando unha serie de libros significativos dentro de cada un dos subxéneros da narrativa xuvenil galega, coa pretensión de, ao cabo do ano, construír unha visión completa do corpus que foi conformando dende os comezos, e máis especialmente nos últimos vinte e cinco anos, a Literatura Xuvenil galega.
Autores como Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Marcos Calveiro ou Fina Casalderrey terán presenza nesta actividade de lectura en común. Preténdese ao mesmo tempo, nunha proposta interdisciplinaria, descubrir os segredos e misterios que se agochan detrás de cada libro, os escenarios xeográficos que serviron de inspiración aos autores, as lecturas que os foron construíndo ou as propostas fílmicas e musicais que serviron de punto de partida para o nacemento da escrita.
A actividade do Club poderase seguir na web que agora botan a andar, cun conxunto de recursos que han inclúir estudo da obra, lecturas críticas, miradas de críticos recoñecidos, como foi abordada esta temática por outros escritores, actividades transversais ou un foro de debate. Todo isto co pretensión de afondar no pracer da lectura cunha achega máis profunda ao texto e ao autor ou autora.
O Club de Lectura Gálix "Tendendo redes" preséntase mañá, día 26 de febreiro, ás 17.30 horas no salón de actos do Consello da Cultura Galega.