Capa do libro "Rosalía 21" deseñado por Uqui - CebraDía de Rosalía
Por un achegamento á escritora arredado “dos tópicos que prexudicaron a recepción da súa obra” avogaba o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, na presentación realizada no CGAG, na mañá de hoxe, ao sinalar o interese por Rosalía “como creadora, como pensadora, como construtora da nosa cultura, da nosa literatura”. Para falar do conxuntos dos actos de conmemoración para o que o Calendario das Letras fixa como Día de Rosalía, o 24 de febreiro en que se cumpren os 172 anos do nacemento da escritora, estiveron tamén a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, Anxo Angueira e Abe Rábade.
“Rosalía 21”, espectáculo e disco
A actividade central será o espectáculo "Rosalía 21", estreado hai agora un ano en Cuba no transcurso da Feira Internacional do Libro da Habana. Trátase dun proxecto dirixido polo escritor e profesor Anxo Angueira, no que se mesturan música, poesía e audiovisual. Nel poderanse oír poemas como "A xusticia pola man", "Negra sombra", "Ladraban contra min", "Tecín soia a miña tea" ou "Alborada", algúns dos temas que compoñen o disco que, co título do proxecto, foi editado en 2008. A música pona o cuarteto formado por Abe Rábade ao piano, Jesús Santandreu ao saxo, Nelson Cascais ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería. Lembraba Abe Rábade a colaboración de Pablo Milanés cando foi representado na Habana e tamén que desta volta será a cantante Uxía Senlle quen estea no escenario do Teatro Principal de Compostela, para prestarlle a voz aos versos que para a escritora compuxera Curros Enríquez en “A Rosalía”.
O espectáculo complétase cunha proxección audiovisual na que participan algúns dos autores presentes na publicación que forma parte do proxecto, con declaracións tomadas en paisaxes simbólicas da obra de Rosalía de Castro como A Coruña, Padrón, Santiago ou Laíño.
Rosalía 21, libro
Canto ao soporte textual, presentábase tamén hoxe, en edición de Xerais e a DX de Creación e Difusión Cultural, o libro que compila as achegas que verbo da escritora naceron no marco do proxecto. Rosalía 21 foi concibido segundo Anxo Angueira, responsábel da edición, coa pretensión de “achegar a Rosalía á sociedade actual, autora que falou, fala e falará sempre” e para dar conta da “Rosalía poliédrica, e das distintas visións ao longo do tempo, a santiña, a poeta transcendente, filosófica, a poeta social, a Rosalía feminista”, percorrido pola recepción do que no libro se inclúe un artigo que asina o propio Angueira. No conxunto figuran canda esta as achegas de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, María López Sández, Iria Sobrino, Nancy Pérez, Xabier Cordal, Daniel Salgado, María do Cebreiro, Iago Castro e María Reimóndez, e conta ademais con tradución ao francés, inglés e español.
Actividades da Fundación Rosalía
A conmemoración deste día complétase cos actos da Fundación Rosalía de Castro, dirixidos a escolares da contorna da Casa da Matanza, espazo que segundo a presidenta da institución, a escritora Helena Villar Janeiro, pensaron desta volta en poñer en valor. Con esta idea ve a luz o volume de relatos Quen casa ten de seu. Contos na casa de Rosalía, que se presentará o vindeiro xoves 26 coa asistencia dalgúns dos autores e ilustradores do volume. A obra conta con relatos arredor da casa de Rosalía realizados, segundo adiantaba Villar Janeiro, por Marilar Aleixandre, “con vontade ecolóxica”; Miro Villar, “un conto rimado que toma a negra sombra como unha amiga branca de Rosalía e non negra”, Xosé A. Neira Cruz “cunha historia de investigación fabularia”; Fina Casalderrey, “un conto de medo” e por ela mesma “cun intento de achegar aos nenos e nenas á familia de Rosalía”. Tamén con ilustracións de Fausto Isorna, Miguelanxo Prado, Ramón Marcos, Iván Suárez e David Pintor.
Prevese ademais a participación de máis de 160 alumnos e alumnas de primaria e secundaria de centros escolares de Padrón e Bertamiráns que tomarán parte nas actividades programadas para o xoves 26 e o venres 27: unha festa de aniversario para a escritora e un recital poético a cargo dos rapaces e rapazas no que ademais estará a vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, Ana Blanco Gómez.
Texto da AELG verbo da escritora
"Se a morte non fose un camiño sen volta, se puideses ver cos teus propios ollos o noso país, sorprenderíaste do actual que resulta a túa obra, a pesar do paso implacábel do tempo". Así, en forma de carta-manifesto, din as palabras da narradora e ensaísta Teresa Moure escritas con motivo do aniversario do seu nacemento. A Asociación de Escritores en Lingua Galega súmase deste xeito á lembranza sobre a narradora e poeta de Padrón, nun texto que incide na vixencia da súa obra e no diálogo que estabelece co noso presente.
303KB
A estrea do espectáculo "Rosalía 21" na Habana
Retrato de Rosalía de Castro realizado por Modesto Brocos
O Calendario das Letras sinala en febreiro o Día de Rosalía