A identidade e a cultura de Galicia enraízan historicamente no discurso escrito e así é hoxe o día en que o libro segue a ser un sector de atención preferente. Para o seu fortalecemento viuse necesaria a creación dun novo marco normativo que se materializou no consenso arredor dunha nova Lei do Libro, aprobada en xaneiro de 2007, e do Plan de Lectura, nove meses despois. Entendíase así a lectura como un instrumento vital de integración e democratización e como “chave de transformación social e ferramenta par unha participación consciente e libre dos individuos”.
A Lei do Libro e da Lectura, publicada no DOG do 10 de xaneiro de 2007 e en vigor desde o día 30 dese mes, foi o punto de partida que orientou as políticas de fortalecemento do tecido produtivo e o fomento da lectura entre a cidadanía nestes últimos anos.
Esta situaba o libro como sector estratéxico e prioritario, e estabelecía as bases para unha intervención integral na sociedade galega. Deste xeito, a Consellería de Cultura procuraba a formación dunha estrutura que potenciase o hábito lector como actividade prestixiada e valorada, como base para o enriquecemento persoal da cidadanía e para o fortalecemento dunha sociedade libre que exerza con plenitude os seus dereitos civís e democráticos.
A conselleira Ánxela Bugallo sinalaba, no momento en que se estaba a traballar na Lei e nacía a revista Praza das Letras, tres ámbitos de actuación prioritarios no fomento da lectura: “as bibliotecas, as escolas e o ámbito familiar”. Canda isto, apuntaba o ámbito dos creadores e creadoras, que no novo marco xurídico inclúe os profesionais do campo da tradución ou da ilustración, e a súa visibilidade social como determinante nun proceso de dinamización do mundo dos libros que precisa atender as estratexias da difusión.
A Lei destaca a relevancia do sector do libro “pola súa importancia cultural, social e económica, como instrumento para a expresión do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, a historia e a lingua de Galicia”. Neste sentido, a nova norma constituíu o marco xurídico para promover todas as facetas relacionadas co libro no mundo contemporáneo: creación, tradución, edición, impresión, produción, elaboración, deseño gráfico, diagramación, ilustración, distribución, venda e difusión.
Semana do Libro e da Lectura en Carballo