Santiago de Compostela acolle os actos centrais do Día das Bibliotecas, con sede na
Biblioteca Pública Ánxel Casal e co seguinte lema: "Onde hai unha biblioteca, hai unha luz". Unha luz de esperanza que, sen caer no maniqueísmo que atribúe aos lectores unha bondade maior, ilumina as tebras da memoria e contribúe á creación de cidadáns máis críticos e vitais no cotiá a través da "casa de liberdade" dos soños e a imaxinación.
Neste espírito articulouse a quenda galega desta celebración promovida dende hai once anos pola
Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil. Con base en Madrid dende os comezos, a partir de 2004 itinerou por Toledo, León, Xaén e Teruel.
O acto principal, organizado en colaboración coa Consellaría de Cultua, ten lugar ás 19:30 coa lectura do pregón a cargo do escritor Agustín Fernández Paz.
O texto do cartel na voz de Fernández Paz
Deseguido presentarase o cartel, deseño do ilustrador Xosé Cobas, e realizarase unha entrega de libros a diferentes institucións.
Asisten a el a
conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, o director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura, Rogelio Blanco, e o presidente da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil, Antonio Fernández.
O programa da Biblioteca Ánxel Casal esténdese a toda a xornada. Comeza pola mañá cun maratón de lectura protagonizado polos alumnos do CEIP Lopez Ferreiro de Santiago de Compostela. Ocupan a tarde o contacontos "Encontro coa fantasía" e o taller de cómic formulado por BD Banda e impartido por Luís Davila, que aborda os tipos de planos e recursos narrativos máis frecuentes nas historietas e o humor gráfico.
De xeito paralelo desenvólvese pola mañá un encontro cos nenos ingresados no servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario, con sesión de contacontos a cargo de Brétema Animación. E a mediodía a profesora Blanca Roig imparte a conferencia "A Literatura Infantial e Xuvenil galega no século XXI. Seis claves para entendela mellor" no IES Rosalía de Castro.
En Boiro, na Casa da Cultura Ramón Martínez López, inaugúrase ás 12:30 a exposición "Biblioteca de libros fantásticos" e na biblioteca nodal da Coruña o escritor Francisco Fernández Naval fala á noitiña sobre as crebas e a cultura elaborada a partir dos materiais que o mar deixa na liña da marea.
Bibliotecas ilustradas
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou en Oleiros o proxecto do artista Miguelanxo Prado para ilustrar a Biblioteca Rialeda de Perillo. Esta acción enmárcase no programa "Bibliotecas Ilustradas", que puxo en marcha a Consellaría de Cultua. O obxectivo desta iniciativa é anovar a imaxe das bibliotecas públicas municipais e facer o espazo máis atractivo aos lectores, mediante o deseño de murais nos que a fantasía sexa o elemento principal.
O ano pasado realizouse como experiencia piloto unha intervención na Biblioteca Nodal de Pontevedra, a cargo de Kilo da Silva. Ao longo deste ano son dez bibliotecas municipais as que se integraron neste programa: Xosé Tomás Díaz Teijo ilustrou a de Melide, Marc Taeger a de Moaña, Calo Varea a de Noia, Alejandro Ferreiro a de Rodeiro, Andobela a do Saviñao, Kiko da Silva a de Ribadavia, Óscar Villán a de Santa Comba, Marcus Romero a de Arcade (Soutomaior), Xulia Barros a de Tui e Miguelanxo Prado a de Perillo (Oleiros).