Noticias

Do 15 ao 17 de outubro

Traducir, editar, exportar

16-10-2008
Imaxe: Liliana Valado Imaxe: Liliana Valado

O momento da tradución, as políticas públicas e a situación dos seus profesionais a análise nun congreso internacional da Universidade de Vigo.

Logo da primeira edición, en 2004, ten lugar estes días no Centro Social Caixanova o II Congreso Internacional 'Tradución e Políticas editoriais' organizado pola Universidade de Vigo coa coordinación de Silvia Montero Küpper, Ana Luna, Liliana Valado e Alicia López, do Departamento de Tradución e Lingüística.

Na primeira edición, cóntanos a investigadora e tradutora Ana Luna, “o foco de interese principal fora a tradución de literatura infantil e xuvenil, o de meirande volume e tradición en Galicia” pero para esta vez fala da necesidade de ampliar a ollada cara a calquera tipo de texto.

No avance significativo do estado da tradución nos últimos anos tivo incidencia precisamente o contorno da Facultade de Filoloxía e Tradución viguesa xunto co impulso das axudas públicas á edición. Así, vemos aumentar o volume de traducións realizadas tanto de clásicos como de novidades editoriais, ampliar o abano de linguas desde as que se traduce, aparecer editoras e coleccións específicas ou medrar o número de obras da nosa lingua vertidas a outras do contorno.

O congreso está centrando os seus traballos na política da tradución dentro e fóra de Galicia pero aborda tamén a súa articulación con outros axentes do mundo do libro, escritores e editores e as cuestións lexislativas que lles afectan, así como as funcións que son propias de quen traduce e o asociacionismo dentro da profesión.

Abrían onte, dinos Ana Luna, "con Marius Tukaj, responsábel da división da UNESCO que se encarga de elaborar o Index Translationum, unha base de datos inmensa que recolle as traducións de calquera lingua a calquera outra.

E centrada nas políticas públicas seguiu unha mesa en que interviron Mònica Pereña Pérez e Gotzon Lobera Revilla responsábeis deste ámbito de Euskadi e Cataluña respectivamente, Xosé Areses en representación do Ministerio de Cultura do Estado así como Luís Bará da Consellaría de Cultura.

Na tarde foi o momento de incluír unha ollada á tradución noutros contextos de minorización, como é o caso de Gales, nun relatorio de Helena Miguélez, profesora na Universidade de Bangor. E xa na mañá de hoxe Edwin Gentzler, profesor na Universidade de Massachusetts e especialista na tradución nas comunidades hispanas dos Estados Unidos, abordou a necesidade de considerar a tradución como algo moito máis amplo ca un transvase lingüístico e a imposibilidade de traballar neste ámbito sen considerala unha actividade inserida nunha macropolítica cultural.

No bloque da tarde de hoxe, que dá entrada a tradutores e editores, estarán Carmen Francí e Teresa Gallego, da Sección de Tradutores de Libros da Asociación Colexial de Escritores de España, unha iniciativa que vén xa dos anos 70. Tamén a secretaria da Asociación Galega de Editores, Pilar Sampil, nun intento, di Ana Luna, “de incluír unha reflexión sobre o papel dos tradutores e a súa visibilidade no campo editorial”

Ros Schwartz, presidenta do Consello Europeo de Asociacións de Tradutores Literarios, abrirá as intervencións de mañá venres cunha achega á situación destes profesionais en Europa e apuntará posíbeis medidas para a mellora das súas condicións laborais.

A seguir intervirán representantes de colexios e asociacións profesionais de tradutores de Cataluña (Francecs Massanna e Maya Busqué), do País Vasco (Bego Montorio) e do Estado (Tina Parcero), antes de que Celine d’Ambrossio, da Federación Europea de Editores, fale sobre a postura dos editores respecto á tradución neste século e de que Xosé María Gómez Clemente da Asociación de Tradutores Galegos e Lara Santos da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación pechen un encontro do cal Ana Luna fala con satisfacción “polo número de xente que está participando e porque parece que estamos cubrindo as expectativas” e do que anuncia unha vindeira edición que terán que valorar “para dentro de dous anos”.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |