Noticias

Promoción exterior

A edición galega xa está en Frankfurt

15-10-2008

Unha antoloxía e unha revista, que se presentan o vindeiro venres, dan a coñecer a narrativa galega na Feira Internacional do Libro de Frankfurt.

Hoxe abriu a grande cita anual do libro, a feira de Frankfurt, na que Galiza está presente un ano máis con stand propio. A delegación galega, organizada pola Consellaría de Cultura e a Asociación Galega de Editores (AGE), xa se atopa na cidade alemá, con Miguel Anxo Murado e María Reimóndez como representantes dos escritores do país, e Miguel Porto e Xurxo García, dos ilustradores.

O acto oficial de inauguración tivo lugar onte pola noite. En representación da cultura convidada nesta edición, Turquía, falou o Premio Nóbel de Literatura Orhan Pamuk, que aproveitou a ocasión para criticar a censura existente no seu país e a persecución que sofren escritores e xornalistas. Turquía recolleu así o relevo de Cataluña e traspasarallo a China para a edición de 2009.

Publicacións para fóra
O programa de actividades do equipo galego inclúe a presentación, o vindeiro venres, da antoloxía Telling Stories from Galicia e un novo número da revista Galician Books. As dúas publicacións están promovidas pola Consellaría de Cultura para achegarlle ao público internacional unha panorámica da narrativa galega contemporánea.

Miguel Anxo Murado e María Reimóndez son dous dos autores seleccionados na devandita escolma, preparada pola profesora e crítica Dolores Vilavedra. O novo número de Galician Books, coordinado por Xabier Cid, presenta unha foto fixa da narrativa actual a través dalgúns dos eixes temáticos e estilísticos presentes nas letras do país.

Reunións editoriais
A feira de Frankfurt é o encontro profesional máis importante do mundo do libro, ademais dunha boa porta de entrada ao mercado global da cultura. Un total de cen países amosan as súas preto de 400 mil novidades en 7.000 expositores a un público de 300.000 visitantes anuais. Conforma así un dos principais centros de negocio do globo para a compra e venda de dereitos de edición.

Nesa liña traballa a delegación de editores galegos desprazada ata o encontro, integrada por preto dunha trintena de empresas: Biblos Clube de Lectores, Hércules de Ediciones, Edicións Xerais de Galicia, Ir Indo Edicións, Rodeira, Kalandraka, Faktoría K de Libros, Laiovento, Everest Galicia, Sotelo Blanco Edicións, OQO Editora, Editorial Galaxia, Nigra Trea, Baía Edicións, Alvarellos Editora, Toxosoutos, Linteo, Tambre, A Nosa Terra, Rinoceronte, Dos Acordes, Edicións do Cumio, Émbora, Espiral Maior, Edicións Positivas, Obradoiro, Ideaspropias e Nova Galicia Edicións.

Ao longo destes días os editores teñen fixadas reunións profesionais, organizadas coa axuda da consultora da Cámara de Comercio de Ferrol Sofía Einöder. A AGE participará nun encontro con editores galegos e alemáns preparado polo Círculo de Traballo de Editoriais Independentes. Igualmente manteranse encontros coas editoriais Verbrecher Verlag e Editorial Piper Malik, que publicou un famoso libro sobre o Camiño de Santiago moi exitoso en Alemaña, e coa fundación Kurt-Wolff-Stiftung, que toma o seu nome do editor de Frank Kafka e que está centrada na dinamización do mundo do libro.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |