Nos vindeiros días publicaranse dous poemarios que o autor de Pontedeume non chegou a ver: "Xardín do Pasatempo" (Tambre) e "Reversos" (Xerais).
O escritor Ramiro Fonte falecía o sábado pasado nun hospital de Barcelona onde estaba ingresado desde o mes de setembro. Os actos de despedida do poeta realizaranse hoxe día 13 de outubro ás 16.30 horas na vila onde nacera hai 51 anos.
O seu andar na escrita
Fonte, cunha obra máis divulgada como narrador, desde as súas achegas ao xénero negro na década dos 80 até a monumental crónica memorialística que constitúe a triloxía Vidas de infancia, pechada co que é o seu volume último publicado en vida, A ponte nos ollos (Xerais, 2007), considerouse, máis ca ningunha outra cousa, poeta.
Cóntase entre os fundadores da revista Dorna, ligada á facultade de Filoloxía de Compostela e atenta sempre ao devir da poesía e tamén integrou o colectivo Cravo fondo, que nos últimos 70 reivindica un afastamento da nesa altura epigonal corrente socialrealista. A eses anos volve a presidenta da Fundación Rosalía e escritora Helena Villar, recodando que ‘é o segundo do colectivo que se nos vai, logo de Fiz Vergara’ e continúa cunha valoración da traxectoria de Fonte en que salienta ‘a súa entrega á poesía, a afouteza en traballar con ela’ e o feito de tratarse ‘dunha obra grande, en cantidade e calidade’ antes de aludir ao seu labor na narrativa: ‘gustáronme moitísimo os libros de Pontedeume’.
Os críticos Teresa Seara e Luciano Rodríguez, responsábeis da principais antoloxía saídas da chamada xeración dos 80, sitúan a maior achega destes anos en que canda Fonte estaban escribindo Fernán Vello, Xavier Seoane, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés ou Xabier Rodríguez Baixeras ‘na reivindicación e creación dunha lingua poética coidada mentres recuperan temas deostados e autores escurecidos baixo a sombra inmensa da poesía social’. Malia isto, na traxectoria posterior de Fonte sinálase adoito a importancia dunha ollada realista e existencialista, moi centrada na memoria.
Desde que se coñeceu a nova do seu falecemento a obra de Ramiro Fonte está ocupando un espazo significativo nos medios, e son abondas as mostras de pesar dos seus compañeiros de escrita, os obituarios ou lembranzas da súa traxectoria. No blog de Edicións Xerais, que tirou a meirande parte dos seus libros, aparecen compiladas estas referencias, ao tempo que Manuel Bragado dá noticia no seu artigo semanal no Faro de Vigo da próxima aparición de dous libros de poemas, Xardín do Pasatempo e Reversos.
Tamén no blog Lándoa atopamos abonda información sobre a obra do autor, un poema que Xosé María Álvarez Cáccamo lle dedicou a finais dos 80, así como a reprodución íntegra dun texto que Fonte escribiu para a Antoloxía consultada da poesía galega publicada pola Editorial TrisTram en 2003 no que valora o seu andar poético, e no que aparecen reflexións que conectan este coa literatura do mundo. Lemos así ‘Interésanme moito os poemas que contan unha historia, que se aproveitan de claves narrativas pero que, ó mesmo tempo, abren zonas que poidamos considerar filosóficas’ ou ‘Para min teñen un mesmo rango, como referentes, Rosalía e Cernuda, Machado e Baudelaire, Pessoa e Neruda, Auden e Curros’.
Dous poemarios que están a chegar
Na editorial Tambre, que tirará na súa colección Ala delta Xardín do Pasatempo, cóntannos que estará nas librarías ao longo desta semana. Con ilustracións de Jacobo Muñiz, supón a primeira experiencia do autor para o público máis novo, ao estar dirixido a lectores a partir dos 10 anos e nel agroma e infancia, o cotián e a memoria do mínimo.
E en Xerais verá a luz tamén en non máis de dúas semanas o conxunto de 100 poemas que compoñen Reversos, e que volven á experiencia e á memoria.
Fonte noutras linguas
Canto á proxección nas linguas da contorna dun autor que desenvolveu a súa actividade profesional en Londres ou Lisboa salienta a inclusión dos seus poemas en diversas antoloxías: en inglés en Galician Generation of the eighties (1999), preparada por Luciano Rodríguez; no mesmo ano e en ruso en No limiar do novo milenio, derradeiro tomo dunha escolma de poesía galega dirixida por Helena Zernova, da Universidade de San Petersburgo; en catalán en Sis poetes gallecs, preparado en 1991 por Alex Susanna e Xavier Rodríguez Baixeras; en castelán en Fin de un milenio. Antología de poesía gallega última (1991) con selección de Francisco López Barxas e César Antonio Molina ou en italiano en Antologia della poesía espagnola (dal 1961 ad oggi) de 1996.
Portada do poemario de próxima aparición en Xerais
Ramiro Fonte recibindo o Premio Porto Magno