Noticias

Promoción exterior

O libro galego viaxa ao Salón Líber

06-10-2008

Anxos Sumai representa aos escritores galegos en Barcelona, onde aborda a creación en Internet.

Inaugúrase a feira Líber en Barcelona cunha presenza específica do libro galego organizada en colaboración pola Consellaría de Cultura e Deporte e a Asociación Galega de Editores (AGE). O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, e o presidente da AGE, Alfonso García Sanmartín, encabezan a delegación na que participarán 24 editoriais: Ideas Propias Editorial, Biblos Clube de Lectores, Hércules de Ediciones, Edicións Xerais de Galicia, Ir Indo Edicións, Rodeira, Kalandraka, Laiovento, Everest Galicia, Sotelo Blanco Edicións, OQO Editora, Edicións do Cumio, Editorial Galaxia, Nigra Trea, Baía Edicións, Espiral Maior, Alvarellos Editora, Toxosoutos, Tórculo Edicións, Obradoiro, Linteo, Tambre, A Nosa Terra e Nova Galicia Edicións. Ademais do stand do libro galego, catro editoriais contarán con mostrador propio: Nova Galicia, Kalandraka, Factoría K e OQO.

O acto central no stand galego será o xoves 9 ás 13:30 horas, ao que acode en representación dos escritores Anxos Sumai. A escritora, tradutora e documentalista galega participará esta semana en varias actividades en Líber e Barcelona. Mañá impartirá na Universitat de Barcelona unha conferencia sobre a creación en Internet desde o ano 2000, co título "Dentro do acuario", presentada por Helena González. O mércores estará na Universitat Autónoma de Barcelona cunha relatorio co título "A onde van as palabras... cando desaparecen das pantallas". Xa o venres intervirá no Ateneo Barcelonés , cunha charla sobre a súa proposta creativa na rede co título "Notas para unha melodía das baleas".

O director xeral de Creación e Difusión Cultural aproveitará a súa presenza en Barcelona para manter varias reunións con entidades e colectivos culturais. Luis Bará entrevistarase, entre outros, co director da Feira do Cómic, Carles Santamaria. Ademais participará nunha reunión do proxecto "Encontro ibérico", na Universitat Ramón Llull e asistirá o día 8 á presentación do libro O traque da Quenlla, editado pola asociación Xohán de Requeixo.

Líber é a feira do libro máis importante do estado español, e celébrase alternativamente en Madrid e Barcelona. Nesta edición, co Québec como cultura convidade, prevese a participación de 700 expositores e arredor de 11.000 visitantes.

Feira Internacional do Uruguai
Desde este xoves ata o 19 de outubro terá lugar en Montevideo a Feira Internacional do Libro do Uruguai, na que Galiza tamén contará con stand propio. A presenza neste feira está organizada polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo, en colaboración coa Consellaría de Cultura.

A delegada da Consellaría na Coruña, Milagres Lantes, encabezará a delegación galega a Montevideo. Tamén viaxarán o escritor Santiago Jaureguízar, que intervirá en varias conferencias, e o grupo musical Ouriol, encabezado pola poeta Eva Veiga, que ofrecerá varios recitais poético-musicais.

Galiza en Frankfurt
A colaboración entre Cultura e a AGE levará un ano máis a Galiza á Feira Internacional de Frankfurt, o principal encontro mundial do sector do libro, que se celebrará entre o 15 e o 19 de outubro, con Turquía como país convidado. Na cidade alemá estará unha delegación galega cos escritores Miguel Anxo Murado e María Reimóndez e mais o presidente de Gálix, Manuel Figueiras.

Na feira poderanse coñecer as novidades de vinte editoriais galegas, e desenvolverase un programa de actividades no que destaca a presentación por parte da Consellaría de Cultura de dúas novidades editoriais en inglés destinadas a promocionar a literatura galega no exterior. Presentarase un novo número da revista Galician Books, coordinado por Xabier Cid, no que se relacionan algúns dos autores e obras máis destacados da narrativa galega actual. Tamén se presentará unha antoloxía realizada por Dolores Vilavedra, na que se recollen extractos das obras dunha selección de narradores galegos actuais.

Peche do ano en Guadalajara
A programación da Consellaría de promoción do libro galego no exterior para este ano pecharase en decembro en Guadalajara, cidade mexicana que acolle a maior feira internacional do libro no ámbito latinoamericano. A esta feira, que se desenvolve do 29 de novembro ao 7 de decembro, Galiza acudirá por segunda vez con stand propio, co obxectivo de ser país convidado no ano 2011.

Coa presenza en Guadalajara péchase un ano no que Cultura apostou pola promoción do libro galego no mercado latinoamericano. Ademais de ser país convidado na Feira do Libro da Habana, Galiza estivo presente tamén nas de Bos Aires, Brasil e O Uruguai. Editouse material de difusión diverso para dar a coñecer a literatura galega ao público latinoamericano, con antoloxías en español de narrativa, poesía e literatura infantil e xuvenil. Ademais publicouse un número especial da revista Letras de Galicia sobre a relación entre a literatura galega e América. En Europa, ao longo de 2008 promoveuse a presenza do libro galego na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (Italia) e na Feira do Libro de Londres.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |