Noticias

Cara a fóra

Manuel Rivas, finalista ao Médicis

19-09-2008

Esta escolla "entra na dimensión de facer visíbel o que acotío permanece agochado", explica o escritor.

A obra Os libros arden mal, en francés L'éclat dans l'abîme (Gallimard), foi seleccionada entre as quince finalistas ao Premio Médicis, o máis prestixioso de Francia, na categoría de autores estranxeiros. O nome de Manuel Rivas figura así ao carón dos de Richard Ford, Ian McEwan, Thomas Pynchon, Sasa Stanisic ou Don de Lillo.

O escritor coruñés manifestou a súa satisfacción sinalando que se alegrou principalmente polo libro, "pois é un xeito de dalo a coñecer, entra na dimensión de facer visíbel o que acotío permanece agochado". Así e todo, aclara: "a cultura non ten que ver cun spring no que ser o que gaña máis medallas, o que me preocupa é escribir o mellor posíbel, que é parte do respirar, unha estraña obriga e goce ao mesmo tempo". Lamenta que a literatura forme parte "dos tecidos fráxiles que sofren o efecto da centrifugadora e rompen". Os recoñecementos opina Rivas que serven para que eses tecidos culturais "resistan sen romper".

Éxito en Francia
A obra de Manuel Rivas transcendeu en Francia a partir da publicación do seu libro En salvaxe compaña (En sauvage compagnie, Métailié, 1997). Posteriormente Ramón Chao verteu ao francés desde o galego O lapis do carpinteiro (Le crayon du charpentier) no ano 2000 e ¿Que me queres amor? (La langue des papillons et autres nouvelles) en 2003. No caso de Os libros arden mal a tradución foi responsabilidade de Serge Mestre, que traballou a partir da versión castelá da novela.

A boa acollida por parte da crítica e dos lectores franceses é un dos motivos polos que a última novela de Rivas está tamén entre as dez obras seleccionadas para o Premio France Culture-Télérama, para el outra boa "axuda á súa proxección porque conleva unha emisión en Radio France de anacos do texto".

É mostra do éxito acadado en Francia por Os libros arden mal o artigo publicado no xornal Libération polo xornalista Philippe Lançon, enviado especial na Coruña para visitar as principais localizacións da novela.

En palabras do autor, os valores que lle outorgan este recoñecemento están relacionados con que "sexa unha obra que non só reflicte a historia, senón que loita contra ela, como dicía Barthes, os libros máis que relatar teñen que loitar coa historia". Ademais, segundo Rivas, a novela "provoca preguntas continuamente, é un enfrontamento entre a pulsión da morte e do desexo, unha reexistencia na que o tempo non é o convencional, o fume dalgunhas fogueiras aínda está controlando as mentes e é o fume máis tóxico".

O xeito de contar en círculos concéntricos, a modo de esfera armilar, tamén provoca unha atracción. "Cada capítulo é un esforzo expresivo no que intentei abranguer as diferentes propostas expresivas do pasado século e do presente", explica o escritor.

No tocante á internacionalización da literatura galega a esperanza de Rivas é "soñar cunha Galicia na que todos fósemos máis compañeiros, como cando naceu a plataforma Nunca Máis, facer algo como o que fixeron os italianos no cinema co neorrealismo, deixar un froito neste planeta, que xa se deu noutras épocas".


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |