Noticias

Congreso de IBBY

"A forza das minorías", presentación en Copenhague

08-09-2008

Con este lema Galiza reunirá en 2010 a máis de 700 escritores e expertos en literatura infantil e xuvenil.

Galiza acollerá en 2010 o Congreso Internacional de IBBY (International Board on Books for Young People), o maior acontecemento mundial da literatura infantil e xuvenil (LIX), que cada dous anos reúne a escritores e expertos de todo o mundo. Dentro de dous anos Santiago de Compostela será a sede do 32º congreso, que terá como tema "A forza das minorías".

O congreso compostelán será presentado esta semana en Copenhague, dentro do programa do 31º Congreso de IBBY. Santiago substituirá á capital danesa e precederá na organización deste evento a Londres, que será a sede da edición de 2012. Basilea, Cape Town (Cidade do Cabo), Cartagena de Indias e Macao son outras das cidades do mundo que acolleron o congreso de IBBY nos últimos anos. A última vez que se celebrou na Península foi en Sevilla en 1994.

Xosé A. Neira Cruz, comisario coordinador do congreso, será o encargado de presentalo este mércores perante os membros do IBBY e os centos de escritores e expertos en literatura infantil e xuvenil presentes en Copenhague. A súa intervención estará acompañada da proxección dun vídeo sobre Galiza e Santiago e dunha breve actuación do gaiteiro Xosé Manuel Budiño.

A forza das minorías
O 32º Congreso IBBY desenvolverase do 8 ao 12 de setembro de 2010 no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, coordinado por Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil). Da importancia do congreso que se celebrará en Santiago dá conta a calidade do seu comité científico, formado entre outros por Rigoberta Menchú (Nicaragua), Premio Nobel da Paz; Somaly Mam (Camboxa) e Olayinka Koso Thomas (Nixeria), as dúas Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional; o escritor e académico Víctor Freixanes; Anne Pelowski, unha das maiores expertas internacionais en literatura infantil, etcétera.

O programa do congreso terá como eixo temático "A forza das minorías" enfocada desde diferentes ángulos: a literatura infantil e xuvenil como unha minoría no conxunto da literatura; a situación da LIX en linguas minoritarias e minorizadas e a súa contribución á normalización desas linguas; os lectores con minusvalías e necesidades especiais; o acceso a literatura polos nenos sen infancia; a problemática de xénero na LIX; e os valores de pluralidade e tolerancia na literatura.

Ao redor destes temas artellaranse seminarios, obradoiros, mesas redondas e encontros profesionais. Ademais haberá un programa de exposicións, concertos, contacontos e actividades sociais e culturais abertas á cidadanía. Agárdase a presenza en Santiago de máis de 700 expertos en literatura infantil e xuvenil chegados de moitos dos 78 países integrados en IBBY. Na capital galega entregaranse ese ano os Premios Hans Christian Andersen, o equivalente ao Nobel no campo da literatura infantil e xuvenil.

Centro IBBY para a Diversidade Cultural
O Congreso Internacional de IBBY é o maior evento internacional da LIX e nel sempre ocupa un lugar destacado a cultura anfitrioa, neste caso a galega. A súa celebración en Santiago, patrocinada pola Consellaría de Cultura, producirase ao ano seguinte da apertura na Cidade da Cultura, dentro da Biblioteca Nacional, do Centro IBBY para a Diversidade Cultural.

O de Galiza será o segundo centro que IBBY apoie e promova desde a súa fundación, logo do creado en Oslo (Noruega) en 1985. O centro terá como principal obxectivo o estudo, a difusión e a promoción dos libros para nenos e mozos procedentes das culturas con linguas minorizadas. O centro terá a primeira biblioteca internacional especializada na colección, estudo e divulgación da literatura infantil escrita nestas linguas, co que se converterá nun dinamizador a nivel mundial de iniciativas culturais para nenos, adolescentes e adultos.

Para a consecución destes obxectivos, o Centro desenvolverá unha potente ferramenta virtual que permitirá o acceso aos seus fondos e contidos desde calquera lugar do mundo. Ademais, e grazas á colaboración e apoio de IBBY, o Centro construirá unha rede de colaboradores que permitirá a chegada a Galiza dos libros para nenos e mozos que se publican en todo o mundo en linguas minorizadas.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |