Dúas novas achegas de Xerais na súa colección Fóra de Xogo.
Chegan aos andeis das librarías dous novos exemplares da colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia: Proxecto bolboreta, de Andrea Maceiras, e Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo a man, do brasileiro Sérgio Klein.
A primeira é a obra gañadora do I Certame de Micronovela convocado polo concello de Soutomaior. É o primeiro texto publicado da nova narradora de Cambre, estudante de Filoloxía da Universidade da Coruña.
Relata a historia de Hadrián Barcés, un matemático e gran soñador, que emprende unha viaxe de Pequín a Nova York para comprobar a veracidade das teorías coñecidas como 'Efecto bolboreta' dos científicos James Gleick e Edward Lorenz. O seu diario de notas incluirá ao carón dos apuntamentos científicos, penurias, decepcións e acontecementos inesperados como a irrupción do amor.
Poderosa constitúe un dos éxitos recentes da literatura xuvenil do Brasil. Traducida ao galego por Mercedes Pacheco, é a primeira entrega dunha serie, da que xa se está preparando unha versión cinematográfica. A editora brasileira Fundamento leva publicados tres volumes e en 2009 sacará o cuarto. Xerais ten previsto traducir a obra completa.
A protagonista, Joana Dalva, soña con ser escritora e poder usar o poder transformador da palabra. Logo de escribir unha redacción sobre Xoana de Arco decide trasladar a ficción á realidade. Por que non usar a literatura para cambiar o presente? O problema é que cada texto que ela escribe coa man esquerda provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control.