Chema Heras e Rosa Osuma con lectores xaponesesParticipan na Feira Internacional do Libro chinesa para reforzar os seus vínculos co mercado asiático.
Representantes de Kalandraka e Faktoría K están na cidade de Tianjin para participar na Feira Internacional do Libro de China, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro xoves día 4. As dúas editoriais buscan reforzar os seus vínculos co mercado asiático, non só na exportación de libros, senón tamén na súa tradución. No caso de Kalandraka xa se materializou ao verter ao chinés tres obras: Renato, Paxaros na cabeza e a galega Avós.
En datas coincidentes coa pasada edición da Feira do Libro de Xapón, no mes de xullo, Chema Heras e Rosa Osuna, autor e ilustradora de Avós, interviñeron en varias actividades de promoción desta obra. É a máis internacional de Kalandraka, traducida a todas as linguas peninsulares e mais ao brasileiro, ao inglés, ao chinés, ao coreano e ao xaponés.
Heras e Osuna impartiron unha charla no Instituto Cervantes de Tokio. Un dos principais momentos da estancia xaponesa dos autores foi a recepción coa monxa budista Harumi Setouchi no templo de Chusonji, en Hiraizumi. Setouchi é unha das escritoras máis afamadas e respectadas do país asiático, galardoada en 1962 co Premio de Literatura Feminista, en 1992 do Premio Tanizaki e en 2001 co Premio Norma.
Haroumi Setouchi apoiou a tradución ao xaponés de Avós, realizada pola xornalista Maki Fukuhara, cun comentario de recomendación incluído na sobrecuberta do libro. Durante a visita Rosa Osuna entregoulle como agasallo un debuxo no que representou a súa figura acompañada dos personaxes da obra.
A estancia en Tokio dos autores de Avós completouse con varios actos de presentación do álbum en librarías da cidade, onde mantiveron encontros cos lectores e asinaron exemplares. Tamén se realizou unha exposición das ilustracións orixinais de Rosa Osuna.
Harumi Setouchi co agasallo da ilustradora
Chema Heras, Rosa Osuna e Maki Fukuhara