A AGE fixou varios intercambios de compra-venda de dereitos e a creación de fondos galegos nas librarías Cultura e Saraiva.
A AGE chegou cunha axenda programada á Bienal do Livro de São Paulo, realizada grazas á mediación do técnico de comercio exterior Juan Ricardo Montes, bolseiro do IGAPE na metrópole paulista, e da coordinadora do proxecto Apex da Cámara Brasileira do Libro, Dolores Manzano. Tras dez días de presenza, que remataron o domingo, os resultados para a súa secretaria técnica, Luz Picos, foron positivos: "proxectamos unha axenda de traballo e de encontro cos editores brasileiros, que en principio viñan coa intención de vender, pero logo dos primeiros contactos decidiron comprar tamén".
Deste xeito acordáronse varios intercambios de compra-venda de dereitos, segundo Picos, "cun forte compromiso, no que só resta a formalización dos contratos". Así mesmo, sinala que barallan a posibilidade de exercer "unha misión inversa e traer aos editores brasileiros aquí para manter un contacto directo co noso sector editorial".
Outro acordo importante foi a creación dun fondo do libro galego en dúas das máis importantes librarías de São Paulo, Cultura e Saraiva, grandes importadoras con presenza en todo o Brasil. Luz Picos precisou que á AGE lle interesa especialmente a cidade de São Paulo "polas numerosas entidades de emigrantes presentes nela e tamén pensando no alumnado dos nosos lectores alá, moi interesado pola obra dos novos valores da literatura galega".
Así mesmo, mantívose un encontro co profesor universitario, físico e filósofo Shalom J. Luiz Goldfarb, "un mecenas do sector editorial en São Paulo", anota Picos, a través do seu programa para o fomento da creación de bibliotecas nos diferentes municipios paulistas. A secretaria técnica da AGE destacou a implicación que consegue Goldfarb coas grandes multinacionais para a compra de fondos para as súas bibliotecas e a relevancia deste contacto para introducir libros galegos nelas.
Para Luz Picos "São Paulo é unha porta de acceso a toda latinoamérica, cun mercado potencial enorme". Salienta tamén que "o mundo editorial brasileiro é moi novo, incluso máis que o noso, polo que é un bo momento para intervir alí". A presenza en São Paulo serviu tamén para constatar que "Galicia non é tan descoñecida como cremos". O que si lles sorprende aos brasileiros, segundo a secretaria técnica da AGE, "é que teñamos un idioma parello, abrir un libro e que o poidan entender".
Recta final do ano
A AGE asistirá a outras tres citas internacionais antes de rematar o 2008. A Feira Internacional do Libro Liber de Barcelona, organizada pola Federación de Gremios de Editores de España, terá lugar entre o 8 e o 10 de outubro. O Québec representa a cultura convidada deste ano. Entre as previsións de Luz Picos está a de pechar o contrato comprometido estes días no Brasil coa editora Martins Fontes, que tamén asistirá á convocatoria catalá.
Deseguido, do 15 ao 19 de outubro, celebrarase o encontro profesional máis importante a nivel mundial, a Feira do Libro de Frankfurt, que terá como país convidado a Turquía. A presentación da AGE realizarase no seo do Foro de Editores Independentes.
Outra importante porta de acceso ao mercado latinoamericano é a Feira do Libro de Guadalaxara, que este ano se desenvolverá entre o 29 de novembro e o 7 de decembro. Tras os bos resultados obtidos na primeira experiencia o ano pasado, agárdase que este ano a cita mexicana supoña a consolidación da presenza da edición galega en América Latina. Con este fin, ademais do de fixar a candidatura de Galiza como país convidado para o 2011, organizouse unha misión comercial coorganizada pola AGE e a Cámara de Comercio da Coruña. Luz Picos sinalou que xa confirmaron a súa participación oito editoriais e lembrou que o prazo de inscrición segue aberto ata finais de setembro. En función da boa acollida na pasada edición, prevé que moitas empresas decidan viaxar por libre.
A finais de ano a AGE organiza o quinto simposio O Libro e a Lectura, desta volta sobre a visibilidade do libro galego no exterior e a súa proxección futura. Esperan poder dispor da intervención de integrantes do sector a nivel mundial, principalmente algún director das principais feiras internacionais, "para que acheguen a súa visión sobre a presenza mundial das linguas minorizadas no eido editorial".