As aventuras dos Bolechas, "Alba de Gloria" de Castelao e "Os ollos da ponte" de Ramiro Fonte foron os libros máis solicitados da campaña.
A comarca de Bergantiños despediu esta fin de semana a ruta literaria polas vilas galegas do autobús da campaña de fomento da lectura "Máis libros, máis libres". Repartiu os seus últimos exemplares en Ponteceso e Carballo, obras de todos os xéneros para animar a públicos de todas as idades e gustos.
Todos os que pasaron o sábado polo Campo da Feira de Ponteceso ou polo areal de Balarés recibiron un libro e outros obsequios como abanos ou gorras. Ademais, para os máis pequenos organizáronse contacontos e lecturas en grupo, xa que unha das metas da campaña é inculcarlles aos cativos o pracer dunha boa lectura e converter as letras nun amigo co que divertirse mesmo na praia.
O domingo o autobús fixo a súa última parada na praza do concello de Carballo, con motivo da celebración da Feira Literaria desta vila. Os que ata alí se achegaron puideron facerse cos últimos exemplares que entregou "Máis libros, máis libres" e os pequenos puideron gozar coas actividades de animación á lectura.
Literatura itinerante
Máis de 18.000 persoas participaron na iniciativa "Máis libros, máis libres" que comezou a súa viaxe na praia de Riazor (A Coruña) para logo ir facendo paradas en Viveiro, Ribadeo, Foz, Ferrol, Carballo, Boiro, Vilagarcía, O Grove, Cangas, Vigo, Ourense, Allariz, O Barco e Pontevedra ata rematar a súa andaina na comarca de Bergantiños.
A boa acollida da iniciativa provocou o esgotamento de varios exemplares, que tiveron que ser respostos. Entre os títulos máis exitosos destacan as aventuras dos Bolechas, Alba de Gloria (Castelao), Cartafol poético (Alexandre Bóveda), As humanas proporcións (Xesús Constela) ou Os ollos da ponte (Ramiro Fonte).
A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, daralle continuidade a esta campaña retomando a animación en outono nas bibliotecas e no Nadal centrada fundamentalmente nas librarías. O obxectivo é demostrar que todas as datas e todos os lugares son bos para ler, xa que un libro é en calquera momento unha boa compaña.
Promoción da lectura
Baixo o lema "Máis libros, máis libres", a campaña está presente en todos os medios de comunicación e en todas as accións, lembrando o papel da lectura como unha actividade que favorece a comprensión e o entendemento.
As librarías galegas acollerán campañas que potencien a compra de libros entre o público e desenvolveranse actividades específicas de promoción nas bibliotecas. Ademais destes dous ámbitos relacionados estritamente coa lectura, a campaña busca novos espazos e achegarase a outros públicos a través de bibliotecas móbiles en praias ou lugares de lecer. Os libros tamén estarán presentes en diversos medios de transporte como o bus e o tren. Eventos deportivos e de masas en xeral acollerán actividades de carácter literario e desenvolveranse programas dirixidos á hostalaría e ao comercio.
A finalidade do Plan de Lectura é achegarse a todos os públicos, pero especialmente aos máis cativos, e introducir as letras en ámbitos tan dispares como centros de atención primaria (programa Lendo Espero), panaderías (Pan con Poesía), piscinas públicas (Ciclobibliotecas), no turismo (Palabra na solaina, nas casas de turismo rural) ou asociacións culturais e veciñais (Letras Vivas).