Noticias

BD última

Os cadriños do verán

22-08-2008

Logo da pasada edición de Viñetas desde o Atlántico facemos balance das novidades estivais da banda deseñada galega.

O colectivo Polaqia sacou catro volumes no mes de agosto. Un deles é o monográfico Prime Time Holocausto, de Álvaro López, unha historia de "terrorismo, traballo-basura, mutacións, descerebre televisivo e violencia catártica". A novela gráfica Rara Avis, con guión de Kike Benlloch e ilustracións de Iván Suárez, sorprende facendo confluír catro personaxes a priori ben diferentes: un oficinista, unha cantante, unha aristócrata e un tatuador. O traballo de Roque Romero, coñecido a través do seu blog Paciente R, protagoniza o libro de arte Polaqia Sketchbook 2. O último número do seu fanzine Barsowia, con portada de Emma Ríos e "A Proba de Balas", escolma a obra dunha ducia de creadores do país e outros tantos foráneos.

Fran Jaraba presentou o día 13 no Viñetas desde o Atlántico o seu álbum Terra Libre, editado por Xerais. É o terceiro da serie centrada en Maxi Torres, tras Cita na Habana e Campos de Cuba, que relata os acontecementos do alzamento independentista cubano de 1897. Esta triloxía custoulle dez anos de traballo ao seu autor e constitúe un dos cumes do cómic galego. Nesta entrega salientan as peripecias dun tenente norteamericano que, camuflado de naturalista, intenta chegar ata o líder mambí Calixto García para entregarlle a misiva na que o Goberno americano lle ofrece as súas tropas para derrotar ao exército español.

Entre as últimas achegas de El Patito Editorial están dous clásicos da historieta galega: Home Sweet Home de Dudi (Eduardo Galán), publicada no Diario de Galicia no período 1987-88, e Os compañeiros. A orde da pedra, de Miguelanxo Prado e Tino Fernández, en La Voz de Galicia, en 1980-81. Unha primeira edición é Aventuras de Cacauequi de Jacobo Fernández, un mundo fantástico a través do que o autor cuestiona as relacións humanas e a totalidade da historia do pensamento. Este mesmo autor tivo tamén o seu espazo no Viñetas, da man de BD Banda, que puxo en circulación o terceiro número de Animais Pantasma e mais Os amigos de Archimboldo Roque.

A editorial de saída recente Cerditos de Guinea acaba de publicar a segunda entrega da súa colección Trasmallo, O tesouro da carraxe. O seu autor, Gochi, traza unha nova aventura de piratas, ateigada de perigos e tesouros. Destaca tamén o último volume de Faktoría K, A conta atrás de Carlos Portela e Sergi San Julián, unha revisión da convulsión social e política suscitada pola marea negra do Prestige narrada en flashback.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |