A Casa do Poeta, espectáculo poético-musical que viaxa sobre rodas, estaciona o sábado en Carballo.
Este verán comezou a xirar por Galiza A Casa do Poeta, un peculiar espectáculo poético-musical que viaxa nunha furgoneta volkswagen do 81, curiosamente o mesmo ano no que naceu o seu artífice, Juan Carballo. Residente en Vilagarcía de Arousa, aínda que nado en Basauri (Bilbao), adoptou a itinerancia como xeito de difusión da súa creación literaria. "É un medio máis habitual dos músicos ca dos escritores", sinala, "que xurdiu da necesidade de levar os meus poemas aos recunchos máis afastados, por iso está dirixido a pobos pequenos".
E para que levar a casa ás costas? "Porque estaba facendo a miña propia casa e ao tempo un poemario que reflectía todo o proceso, por iso sentín a necesidade de levar a casa comigo na presentación pública dos textos". Unha poética estendida alén do texto, na viaxe, no deambular do recitador e na escenografía interior traída á fronte: "tentei vestir a poesía con elegancia, coidando todos os detalles, ata o punto de que o escritorio que levo é o que uso para escribir actualmente".
A Casa do Poeta constitúe unha autoprodución "feita grazas á colaboración de bos amigos". Entre eles están a ilustradora Nuria Díaz, encargada da imaxe da xira, do deseño do cartel e da ilustración e o deseño do poema-libro; Moncho Núñez, que puxo a música; e Celso Callón, que elaborou os arquivos sonoros. Ademais de moitos outros que botaron unha man, "porque un espectáculo non se fai só coas artes".
Aínda que está suscitando moita curiosidade, o poeta quere salientar que non é a primeira vez que fai algo parecido: "é a continuidade dun traballo que leva moito tempo en marcha e realizado en colaboración". En 2006 xirou co espectáculo Volta ás rías galegas en verso, presentación do seu primeiro poemario publicado, Na miña fiestra e outros poemas de andar por casa. Editado por un selo que traballa baixo demanda e que non ten presenza en todas as librarías, Carballo artellou un dispositivo non convencional para entregarlles a súa obra directamente aos lectores-oíntes. Experiencia parella foi Elaborando o meu delirio, na que representaba a súa escrita primeira acompañado dun cuarteto de jazz, cantautores e outros poetas. Daquela o pulo radicaba na "recuperación das artes con menos repercusión e levalas ao teatro". Agora mantén a intención, pero muda de escenario.
Novo trobadorismo
Malia as connotacións románticas do nomadismo en furgoneta, Juan Carballo subliña a parte social da súa proposta: "a poesía está nun círculo moi cerrado e non creo que sexa ese o sentido que lle hai que dar, hai que sacala para fóra, ten que ser algo normal, que se achegue á xente de forma íntima, pero natural". Lembra o seu primeiro recital, ao uso, nun salón de plenos, cos seus papeis sentado nunha mesa. Incómodo nese contexto procurou unha vía alternativa: "pouco a pouco fun atopando este formato, ideal para facer a poesía accesíbel e poñela en boca dos outros, para recuperar a tradición oral". Ao mesmo tempo é unha maneira de facer visíbel a súa escrita. Lamenta que "ás veces o ámbito cultural non reflicte o traballo dos máis novos" e pensa que "a rúa é o mellor lugar para canalizar eses esforzos".
Carballo valora as vantaxes da poesía nómade, que lle permite "recoller o mellor de cada sitio e obter un resultado final de cada recital distinto en función do lugar e da xente que asiste e participa nel". Porque A Casa do Poeta sempre está arroupada polos seus convidados. Un deles foi Paco Cifuentes, cantautor que escoitaba o poeta mentres construía a súa casa e que aceptou o seu convite sen coñecelo. Acompañou ao escritor na súa actuación en Vilagarcía, o pasado 31 de xullo. Unha nova amizade da que tirar proveito creativo.
Na súa curta experiencia literaria Juan Carballo anota xa mudanzas e unha maduración. Define a súa poesía como "sinxela, directa e apegada ao cotiá, o que fai que a xente se sinta próxima". Nos inicios confesa que caeu na tentación do preciosismo léxico e estético, pero virou cara a unha naturalidade que, afirma, "non lle resta calidade ao texto". No haber dos referentes, marcando as diferenzas, cita no eirado galego a Celso Emilio, a Lorenzo Varela e a Fernán-Vello. Máis poesía da que bebe é a de Ángel González, Gamoneda ou Héctor Álvarez. Moitos deses libros prezados viaxan tamén na volkswagen do 81, pois na casa de Juan Carballo non só se recita o propio.
A Casa do Poeta estrenouse en xullo no Festival Cultura Quente de Caldas, "un día que chovía a mares e tivemos que trasladar toda a escenografía ao auditorio local", lembra o autor. Xa dende o principio, e máis trala boa acollida do espectáculo, programaron a posibilidade de trasladalo a un interior, pensando na inestábel climatoloxía galega e nas citas invernais, que as haberá. Deica hoxe pasou, ademais, por Vilagarcía, Verín e Sada. O vindeiro sábado estará na Praza dos Libros en Carballo, un evento afín na súa intención de promover a cultura de rúa.
[Fotos: Oswaldo]
Ilustración de Nuria Díaz e comezo do poemario