Música, contacontos e, sobre todo, libros no xardín municipal de Carballo para animar á lectura comendo pan.
O Xardín Municipal de Carballo acolle dende o xoves día 21 ata o domingo 24 unha nova edición da Praza dos Libros, unha feira literaria que ten por obxectivo a promoción da lectura, das librarías da comarca, dos escritores e escritoras galegos, dos produtos culturais do país e da cultura de rúa. Aqueles que merquen libros o domingo recibirán de balde un Pan de Carballo.
Organizada pola Concellaría de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Carballo, coa coordinación de Nel Vidal, disporá de dez casetas nas que participan as librarías locais, da comarca bergantiñá, Brañas, Trasgo, Couceiro, Como unha novela, Roget e Orizales. Ademais, estarán presentes a Lonxa Cultural, cos seus discos, Rei Zentolo, coas súas camisolas, A Mesa pola Normalización Lingüística e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
A inauguración será o xoves ás 13:00 horas e nela intervirán a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura, Luis Bará, a delegada provincial desta consellaría, Milagros Lantes, e o tenente de alcalde carballés, Xosé Antonio Viña. A voz de saída definitiva será a de Lino Braxe, que fará un pregón musical dramatizado.
Ao longo da feira presentarán libro Margarita Barral, Rafael Lema Mouzo, Fernando Cabeza Quiles, Alberto Lema e Camilo Nogueira. A profesora Pilar García Negro dará unha charla sobre Curros con motivo da mostra Curros Enríquez. Nación, liberdade e progreso, exposta tamén nos xardíns carballeses. O poeta Juan Carballo e o músico Moncho Núñez chegarán con A casa do poeta, unha volkswagen do 81, núcleo da súa performace poético-musical que recupera as tradicións trobadorescas para levar a cultura "ao lugar que lle corresponde, as rúas e as prazas".
Diferentes xeitos de contar completan a programación literaria. A editorial Kalandraka achega os seus contos coa voz de Abelenda e a música de Pablo Díaz. A compañía Contos das Estacións propón un espectáculo que mestura música, teatro, sombras chinesas e xogos. Migallas Teatro sonoriza tamén contos tradicionais e de creación propia para espertar a atención e a participación dos cativos.
A sección musical estará protagonizada polas combinación das voces de Guadi Galego e Ugia Pedreira co Jazz de Abe Rábade en Nordestin@s, o cabaré O negro vai con todo de Pepa&Davide+Madamme Cell e o concerto As portas de Lug do grupo Brath, que pechará o evento.
Bibliotecas itinerantes
O autobús itinerante da campaña de promoción da lectura ‘Máis libros, máis libres’, promovida pola Consellaría de Cultura, parará o domingo 24 na Praza dos Libros. Esta actividade, que botou a andar na praia coruñesa de Riazor, está percorrendo a costa e as praias fluviais do interior coa vontade de inserir a lectura nos espazos de lecer. Previamente, o mércores 21, estacionará na praza de Ourense de Pontevedra.
Distribuiranse materiais da campaña e exemplares variados representativos da literatura galega. Para os máis pequenos, Os bolechas queren saber... Como son os xogos olímpicos e paralímpicos de verán. Unha longa lista de títulos na que aparecen Cartafol poético de Alexandre Bóveda, Os ollos da ponte de Ramiro Fonte, Libro das colunas de Luísa Villalta e Fisteus era un mundo, de Lupe Gómez.
Acompaña ao autobús Anxo Moure coa súa ciclobiblioteca. O contacontos chantadino, impulsor do proxecto Contos Solidarios, que se define como ecopacifista, está percorrendo a xeografía galega para sensibilizar a nenos e maiores na preservación da natureza e no compromiso solidario a través de personaxes como o Carballo con Botas.
Todas as persoas que compren material na Praza dos Libros serán agasalladas coa axenda Os meus favoritos, unha guía de recursos na Internet.
2904KB
Edición anterior
A ciclobiblioteca de Anxo Moure
"O carvalho con botas"