Xelasio Álvarez imparte unha conferencia: "A normalización lingüística e a evolución do sector editorial galego".
As letras galegas aterran na metrópole brasileira para, ao longo dos dez días que dura o evento, tomarlle o pulso á porta dun mercado favorábel, o lusófono. Hoxe comeza a XX Bienal Internacional do Libro de São Paulo, o evento editorial máis relevante do Brasil, que goza dunha gran proxección mundial. Galiza estará representada, até o vindeiro día 24, polo expositor da Asociación Galega de Editores (AGE), organizado en colaboración coa Federación de Gremios de Editores de España, a Consellaría de Cultura e Deporte e a Secretaría Xeral de Política Lingüística e co apoio do Plan Foexga da Consellaría de Industria e da Cámara de Comercio de Pontevedra.
Coa fin de abranguer a produción editorial galega do xeito máis amplo posíbel, leváronse obras de editoriais como Nova Galicia Edicións, A Nosa Terra-Promocións Culturais Galegas, Ir Indo Edicións, Netbiblo, Edicións Espiral Maior, Edicións Laiovento, Edicións Positivas, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Linteo Ediciones e OQO Editora, ademais do material de promoción destas e doutras editoras como Edicións Tambre, Editorial Toxosoutos, Nigra Trea, Everest Galicia, Baía Edicións, Editorial Tris Tram, Edicións do Cumio, Rodeira-Edebé e Ideaspropias Editorial.
Varios membros do gremio desprazaranse á urbe paulista, entre eles, Xelasio Suárez, xerente de Ir Indo e coordinador da nacente comisión de axudas da AGE, quen impartirá a conferencia "A normalización lingüística e a evolución do sector editorial galego". Presentará o acto, que terá lugar hoxe a modo de sesión inaugural, Leopoldo Canizo, lector de galego da Universidade de São Paulo.
A delegación galega ten programada unha intensa axenda de cara a establecer futuras colaboracións tanto na promoción coma na venda de dereitos do libro. Está previsto que os profesionais galegos se reúnan con representantes da Associação Nacional de Livrarias do Brasil e con Shalom J. Luiz Goldfarb, do Programa de Bibliotecas de São Paulo.
Oito catas internacionais
A promoción da industria cultural galega é un dos obxectivos prioritarios na liña de actuación prevista pola AGE para a súa nova tempada. Tralo seu renomeamento como presidente, o pasado 22 de xullo, Alfonso García Sanmartín adiantou que a quinta edición do Simposio 'O libro e a lectura' vai abordar a visibilidade do libro galego no exterior e a súa proxección.
Un dos piares básicos neste senso é a asistencia dos editores e dos seus produtos aos diferentes encontros profesionais que se desenvolven no planeta. A programación para o ano en curso incluía a participación dos asociados da AGE en oito das principais feiras profesionais de Europa e Latinoamérica. A de São Paulo é a quinta, logo de ser Galiza o país convidado na Feira Internacional do Libro da Habana e da súa presenza nas feiras de Londres e Bos Aires e mais na do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. As próximas citas serán a Feira Liber de Barcelona e as feiras internacionais de Frankfurt e Guadalaxara.
Stand en Boloña