Noticias

A conta atrás

"Non se pode esquecer un erro"

12-08-2008

Chega aos andeis das librarías a novela gráfica de Carlos Portela e Sergi San Julián sobre a marea negra do Prestige, editada por Faktoría K.

Transcorreu un ano dende a marea negra. Otero, conselleiro do goberno autonómico, presenta aos medios de comunicación unha campaña propagandística que anuncia a limpeza total das praias e a recuperación do sector pesqueiro. Así comeza a novela gráfica A conta atrás, guionizada por Carlos Portela e ilustrada por Sergi San Julián. Desanda os feitos ata chegar á vida mariñeira previa ao naufraxio do Prestige. Curiosamente o final é o principio. Unha nova visión crúa e crítica do acontecido, prologada por Manuel Rivas, abandeirado da plataforma cidadá Nunca Máis.

Con todo, desta volta quedaremos a medio camiño, pois o que se presenta é o primeiro dos dous volumes que compoñen a historia, que chega á altura das eleccións municipais. Será dentro da programación de Viñetas deste o Atlántico, mañá mércores, ás 19:30, na Fundación Caixa Galicia.

"Se todo vai ben o segundo volume estará listo para maio do ano que vén, para o Salón do Cómic de Barcelona, e senón, para o vindeiro Viñetas", precisa Carlos Portela. A previsión non é incerta, pois segundo o guionista parte do traballo xa está feito e hai xa moito material debuxado.

A respecto da estratexia narrativa d'A conta atrás, Portela sinala que barallou varias opcións, pero que finalmente observou que "as poucas historias que hai contadas cara atrás no cinema e na novela usaban esta fórmula para o análise de causas dos comportamentos humanos". Pareceulle a mellor opción para reinterpretar o sucedido, analizalo dende a perspectiva nova que outorga o tempo e condensar un arduo proceso de documentación. "No meu caso, requiriu dous anos de traballo, por iso decidimos facer dous volumes, como pasou con Maus ou Persépolis, este en catro entregas", aclara. E engade: "eu vivino dende a televisión, polo que tiven un contacto moi directo e acceso a moita documentación".

No seu momento o desastre do Prestige xa suscitou reaccións dende a banda deseñada, que deron lugar ao Colectivo Chapapote e á publicación H2Oil. Portela, convencido de que a marea negra marcou un antes e un despois na sociedade galega, atopa necesario revisar a historia do Prestige para analizala na súa complexidade. Destaca "cando estás vivindo os feitos non tes tempo para reflexionar sobre eles; foi preciso falalo todo de vagar tendo en conta todas as súas implicacións políticas, sociais, mediáticas e económicas". Na súa opinión, pouco se aprendeu do erro e "ese é o problema, que se volve pasar mañá estaremos nunha situación semellante, porque seguimos sen estar preparados". Lamenta: "o que non se pode facer é esquecer un erro".

Novos formatos, novos temas
Esta presentación cadra ben no eixo discursivo do salón do cómic deste ano, do que Portela é o subdirector. "A implicación social e o compromiso son temas dos que falamos acotío na organización do Viñetas", destaca a este respecto. Segundo o guionista vigués "había tempo que se dera unha revolución gráfica no cómic, moi faborábel para o desenvolvemento dos xéneros, pero faltaba unha revolución temática ampla". O autor cre que os novos formatos que abrollaron "liberaron a banda deseñada da tiranía das 48 páxinas, herdeira da escaseza de papel durante a II Guerra Mundial", e iso liberou tamén os temas.

Un deses novos formatos é precisamente o popularizado como novela gráfica, que supuxo para Portela "un novo xeito de canalizar historias e de permitirlle ao cómic o acceso ás librarías xeralistas sen ter que quedar relegado ás especializadas". Confirmou que a historieta é "un medio de comunicación coma calquera outro", que pode chegar a moitos lectores.

No relativo ás novas tendencias temáticas cara ao social Portela considera primordial a influencia da madureza temporal e persoal. "Un vai medrando e os seus temas de interese tamén mudan", sinala. "A min xa non me gusta o mesmo que cando tiña vinte anos, por iso fago cousas tan distintas como a historieta feminina Esther, a serie Padre Casares e agora A conta atrás".

Reflicte ben ese cambio de gustos a súa traxectoria de colaboración co ilustrador Sergi San Julián. "Comezamos co personaxe de Gorka, que xa creara el e que volvemos editar con Planeta Agostini, nun momento no que emerxía o mercado independente".

"Sergi fixo un traballo de documentación gráfica abrumador, recompilou fotografías, recortes de prensa, documentais, anacos de informativos...", así describe Portela o labor do coautor da obra. Engade: "neste senso é unha historieta moi complexa porque tiña que relatar mitins, roldas de prensa, manifestacións... e o carácter dunha vila".

Logo de ler esta primeira entrega esperaremos impacientes pola segunda, pois tal e como indica o seu guionista "hai moitas cousas apuntadas no primeiro volume que logo se amplían no segundo; é como unha caixa chinesa, cada nova capa achega unha impresión diferente, porque todos cambiamos de opinión e non somos coherentes ao cen por cen".


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Libros relacionados:

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |