Noticias

Rosa Aneiros escolma

Historias de auga e sal

05-08-2008

A autora de “Corazóns amolecidos en salitre” escolma para nós unha ducia de relatos de auga, desde a navegada polo Sinbad de Cunqueiro até a que Xurxou Souto trazou en “Fumareu”. Cóntanos que toda a literatura cabe no mar.

<b>Foi difícil a escolla? Demasiado mar para unha ducia de obras narrativas namais?
Sen dúbida foi difícil e sen dúbida hai unha chea de obras narrativas galegas sobre o mar e dende o mar. Hai outra ducia de obras que desbotei por cuestións de límite de títulos e que poderían entrar aquí tan ben como estas que destaquei. Falo de Xavier Alcalá, de Freixanes, de Rocío Martínez, outras moitas obras de Queipo, de Marilar Aleixandre, de Agustín Fernández Paz... Fixen primar o criterio temático da aventura e romper a barreira da idade -infantil, xuvenil, adulto- para amosar un mar que corre transversal a toda a obra de autores e autoras galegos. Mesmo poderiamos facer o contrario, facer unha escolla de obras, ou mais ben de creadores, en que o mar non estea nunca presente. Creo que sería case case imposíbel. O mar é unha constante na literatura galega que, como as ondas, vai collendo maior ou menor protagonismo segundo a aventura literaria que cada autor inicie. A ducia escollida pretende amosar un abano de posibilidades que van desde os piratas á denuncia ecolóxica, aos polisóns, aos naufraxios, aos relatos de vida, os cadernos de bitácora, as ribeiras exóticas...

Máis costa ca mar na nosa literatura? Pensas no feito de ser navegación e escrita elementos diverxentes socialmente?
Coincido con Fernández Rei na súa idea de moita costa e pouco mar, pero non creo que sexa un asunto exclusivo do mar. Decote abordamos moitos temas na literatura que non levan parello un esforzo lingüístico equiparable ao esforzo de documentación de certos temas. Non sei se me explico. Creo que moitas novelas narran marabillosamente unha aventura en cuberta, pero as súas páxinas non deixan pasar o cheiro do salitre. Aí a escolla lingüística é fundamental e iso, en literatura, é a clave. Para falar do mar, cómpren as palabras do mar.

Queipo, de quen escolles Ártico, falou recentemente da soidade do mar como marco propicio para a escrita e da falta dunha literatura marítima vizosa. Que pensas?
Creo que efectivamente a soidade do mar é un marco incomparable para a escrita. O mar é un balde no que cabe de todo, a evocación, a denuncia, a tristura, a contemplación, a memoria, a aventura, o divertimento. Toda a literatura cabe no mar. Creo que aquela frase provén de alguén que vive o mar con tal intensidade que pode botar en falta máis páxinas sobre el pero que, obxectivamente, non corresponde co número de obras que nos ofrecen os andeis das librarías. O mar está presente, outra cousa é que as páxinas, como dixen, sexan mar. Isto levaríanos a unha reflexión máis profunda.

Na túa narrativa ten presenza transversal. Un mar xa máis evocado ca presente?
O mar cando o tes na casa é difícil de botalo. A súa ausencia física non impide que estea aí, doutra maneira pero que estea aí, tan real como se tivese agora mesmo os pés rabuñados polo xabre e acariñados polas ondas.




Polisóns no alto mar

A literatura galega do mar ofrécenos un amplo abano de propostas estéticas e temáticas. Son as ondas do pensamento, da soidade, da desolación. Tamén o drama do naufraxio, a contemplación intimista, o abismo, os cadernos de bitácora. Fronte á introspección, a explosión da aventura absoluta. O océano inmenso ateigado de seres fantásticos e outros non tanto, a bravura das mareas, as loitas de todas as ribeiras e o tendal do horizonte como meta constitúen un escenario propicio para toda caste de aventuras. As de piratas, as de mariñeiros, as de navegantes, as de náufragos, as de polisóns, as de inmigrantes sen papeis, as de refuxiados... o mar é un habitáculo con paredes de area e pedra onde chocan todas as miserias. Tamén anainan á deriva, sen un lugar onde acougar as perdas que levamos como fardeis de exiliados. Velaquí unha ducia de propostas narrativas onde a aventura escacha os muros húmidos do océano. Aquí, onde o ser humano se mide coa violencia das ondas, as de fóra e as que baten dentro. O mar como singradura e como aprendizaxe dos que sempre somos polisóns no seu ventre. Porque, como conclúe a Plática de mares arábigos que fixo Sinbad en Chipre os pilotos gregos, asegún foi recollida por Teotikes Papadopulos de Esmirna, “no mar hai que estar sempre como en visita”.

Rosa Aneiros

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |