Deseñado pola Asociación BD Banda e impartido por Luís Davila, o curso está pensado para os 13 a 20 anos.
A Biblioteca Ánxela Casal acolle mañá un obradoiro de banda deseñada, a cargo da Asociación BD Banda, impartido por Luís Davila entre as 11.00 e 12.30. Este debuxante, colaborador habitual do xornal Faro de Vigo e da revista Retranca, explicará a mozos e mozas de entre 13 e 20 anos as bases da creación de personaxes, a narración gráfica e a confección de historias dun xeito sinxelo e interactivo. Admitirase tamén o acceso a alumnado adulto e o número máximo de persoas asistentes será de 20.
Davila presentou recentemente no Salón do Cómic de Cangas o volume Jalisia Caníbal, primeira obra en solitario, onde compila os seus traballos publicados no Faro de Vigo. A súa particular ollada da realidade e a esencia dos seus chistes parten da pesca, o agro, os furanchos, a vida cotiá e, nun senso máis amplo, o choque entre o mundo tradicional e a modernidade.
Dentro das actividades de animación á lectura programadas para os meses de verán pola Biblioteca Ánxel Casal, inclúense unha serie de obradoiros de banda deseñada para ensinarlle á xente máis nova os fundamentos da narrativa secuencial e as obras clásicas desta arte. Ademais, no edificio atópase de xeito permanente a mostra “As bases da banda”, artellada pola Asociación BD Banda coa colaboración da Consellaría de Cultura.