Inicio da campañaUn autobús achegará libros aos areais coa vontade de inserir a lectura nun espazo de lecer.
Parte da campaña "Máis libros, máis libres", esta actividade botou a andar na praia coruñesa de Riazor. Ao longo do verán un autobús percorrerá a costa galega e tamén as praias fluviais do interior levando libros de diferentes xéneros e para todas as idades. Estará acompañado por varias "ciclobibliotecas" e no programa inclúense tamén contacontos e outras actividades de dinamización para os máis novos.
As vindeiras paradas han ser Ribadeo (praia dos Castros), Viveiro (praia de Covas), Foz (praia da Rapadoira), Ferrol (praia de Doniños, zona de Outeiro), Carballo (praia de Razo), Boiro (praia Barraña), Vilagarcía (centro da vila), O Grove (centro da vila), Pontevedra (centro da vila), Cangas (praia Rodeira), Vigo (Samil), e tamén as praias fluviais de Ourense, Allariz e O Barco. E os horarios en que quen acuda á praia poderá levar un libro onda a calor da area abranguen a mañá (de 10 a 14h) e mais a tarde (de 16 a 20h) coa pretensión de chegar a un meirande número de lectores.
Ao que remate o verán, continuará a actividade desta campaña de dinamización inserida no Plan de Lectura que se puxo a andar en outubro de 2007. No outono cunha campaña de animación nas bibliotecas e no Nadal centrándose fundamentalmente na actividade das librarías.
De “Lendo espero” a “Pan con poesía”
Baixo a frase 'Máis libros, máis libres' a campaña está presente nos medios de comunicación e aglutina as accións de promoción da lectura que a Consellaría de Cultura leva desenvolvido nos últimos meses, sempre poñendo de relevo o papel da lectura como unha actividade que favorece a comprensión e o entendemento, así como a súa potencialidade para o gozo.
As librarías galegas acollerán campañas que potencien a compra de libros entre o público e desenvolveranse actividades específicas de promoción nas bibliotecas. Ademais destes dous ámbitos relacionados estritamente coa lectura, a campaña busca novos espazos e achegarase a outros públicos a través de bibliotecas móbiles en praias ou lugares de lecer. Os libros tamén estarán presentes en diversos medios de transporte como o bus e o tren, eventos deportivos e de masas en xeral acollerán actividades de carácter literario e desenvolveranse programas dirixidos á hostalaría e ao comercio.
A finalidade principal do Plan de Lectura é achegar esta actividade a todos os públicos, pero especialmente aos máis cativos, e introducir as letras en ámbitos tan dispares como centros de atención primaria (programa Lendo espero), panadarías (Pan con poesía), piscinas públicas (Ciclobibliotecas), no turismo (Palabra na solaina, nas casas de turismo rural) ou nas asociacións culturais e veciñais (Letras vivas).