Noticias

Premio Porto Magno

Ramiro Fonte recibe o recoñecemento da cidade de Ferrol

29-07-2008
Entrega do Premio Porto Magno a Fonte Entrega do Premio Porto Magno a Fonte

O autor de Pontedeume recolle o galardón entregado polo Coro Toxos e Froles acompañado por representantes das institucións e da cultura.

O acto de homenaxe a Ramiro Fonte deu comezo na Casa do Concello de Ferrol no mediodía de onte, coa asistencia de representantes institucionais e do mundo das letras que se reuniron para recoñecer o conxunto dunha traxectoria con froitos salientábeis na poesía, na narrativa, na crítica literaria ou no espallamento da cultura galega.

Para recoñecer a prolífica traxectoria creativa de Fonte e o seu compromiso con Galicia estiveron presentes o alcalde do Concello de Ferrol, Vicente Irisarri; a conselleira de Cultura, Anxela Bugallo; a concelleira de Cultura, Iolanda Díaz e o presidente do Coro Toxos e Froles, Pedro Sanz, xunto co ministro de Cultura do Estado, César Antonio Molina, encargado de entregarlle ao escritor o Premio Porto Magno, creado para conmemorar o 150 aniversario da concesión do título de cidade a Ferrol.

Neste acto de homenaxe Fonte lembrou a cidade en que descubriu a poesía e o amor, e este foi o xénero escollido para dous textos que leu, construídos arredor de lugares de Ferrolterra aos que volta. Escoitáronse tamén as palabras do presidente da Asociación Nacional de Críticos Literarios, Miguel García Posada, encargado da laudatio e de Vicente Irrisari, que salientou o seu papel de embaixador da cultura galega no mundo. Ánxela Bugallo centrou o seu discurso no papel do autor dentro do noso campo literario, nomeadamente no seu traballo narrativo máis recente, en canto Iolanda Díaz construíu as súas palabras botando man de citas á obra de Fonte e sinalando a súa vinculación con Ferrol como patria do afecto.

A poeta Julia Uceda, que onte lle dedicou o poema “La vida del agua” ao autor homenaxeado, Iolanda Díaz, Félix Villares Mouteira, Miguel García-Posadas, Ramón Pernas, Segundo Leonardo Pérez López e Ramón Loureiro foron os integrantes do xurado que hai unhas semanas escolleu ao poeta de Pontedeume para recibir este recoñecemento.

Canda estes, outros representantes da cultura galega que quixeron acompañar o autor eumés foron o editor da súa obra última en Xerais, Manuel Bragado; o escritor Agustín Fernández Paz; o director da revista Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa ou o poeta nedense Vicente Araguas.

Ramiro Fonte, durante anos profesor de secundaria e membro correspondente da RAG, é actualmente director do Instituto Cervantes en Lisboa. Foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo que en 1977 teimou en darlle unha viraxe á corrente socialrealista e publicou unha ducia de volumes de poesía, cos que obtivo abondosos premios, entre eles o da Crítica de Galicia, o Losada Diéguez de creación, o da Crítica española, o Esquío, ou o Miguel González Garcés. Nos últimos anos a súa actividade creadora centrouse no xénero narrativo, coa monumental triloxía memorialística titulada Vidas de infancia, rematada o ano pasado co volume A ponte nos ollos (2007).


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Autores relacionados:

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |