Cartel do II Simposio 'O libro e a lectura'A continuidade e a importancia da proxección exterior marcan as liñas de traballo da Asociación.
A Asociación Galega de Editores (AGE) tivo onte unha Asemblea Xeral Extraordinaria onde se escolleron os cargos da xunta directiva para os dous anos vindeiros. Nela acordouse por maioría reelixir como presidente o director de Rodeira-Edebé, Alfonso García Sanmartín, nunha aposta pola continuidade na liña de traballo desenvolvida entre o 2006 e o 2008.
No equipo directivo da AGE continúa así, ademais do presidente, Fran Alonso de Xerais na vicepresidencia, Ana Guerra de Edicións Obradoiro na secretaría e mais Pilar Sampil de Galaxia como tesoureira. Os editores que nestes últimos anos estiveron realizando o labor de vogais, Belén López de Baía, Xelasio Suárez de Ir Indo, Telmo Eiriz de Galinova, Lucila Ventoso de Tórculo e Francisco Macías de Positivas déixanlles agora o seu lugar a Francisco Villegas de Cumio, Irene Penas de Everest, Antonio Balboa de Lóstrego, Consuelo Carreira de Sotelo Blanco e Tucho Calvo de La Voz de Galicia.
Xelasio Suárez, de Ir Indo, pasa a coordinar unha comisión creada agora, a de Axudas en canto Macías, de Edicións Positivas continúa á fronte da de Publicacións, encargada, entre outras cuestións, de editar o boletín de novidades da Asociación, Novas de Libros.
Cultur.gal e o V Simposio 'O libro e a lectura'
Na valoración do traballo destes dous últimos anos de mandato, García Sarmartín salientou o labor realizado polas comisións, nomeadamente as de Publicacións e Feiras e comercio exterior. E para o futuro sinalou a necesidade de afondar na profesionalización do sector e de seguir traballando no eido da promoción exterior e da interacción cos outros gremios do ámbito do libro.
O presidente adiantou que esta quinta edición do Simposio 'O libro e a lectura', que anualmente realiza a AGE no último trimestre, vai abordar a visibilidade do libro galego no exterior e a súa proxección. Para o desenvolvemento están valorando a súa inclusión no programa de Cultur.gal, feira galega das industrias culturais que terá lugar entre o 4 e 7 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña.
Bienal do Livro de São Paulo
Na xuntanza abordouse tamén a axenda de traballo prevista na Bienal Internacional do Livro de São Paulo, a que asistirá a AGE o vindeiro mes de agosto, co apoio do plan Foexga da Consellaría de Industria e da Cámara de Comercio de Pontevedra.
A esta feira que vai polas 20 edicións, onde se agarda que se xunten unhas 900 empresas entre os días 14 e 24 de agosto, viaxarán oito empresas galegas, A Nosa Terra, Espiral Maior, Laoivento, Edicións Positivas, Xerais, Galaxia, Linteo e Oqo e nela poderase ver material de promoción de arredor de vinte das nosas editoras.