Esta semana comezou en Baio (Zas) a rodaxe do filme "A casa da luz", adaptación da obra homónima de Xabier P. Docampo, producida por Xosé Xoán Cabanas Cao e dirixida por Carlos Amil.
Alicia, Álvaro, Aida, Anxo e Alba, cinco amigos con nomes que comezan por 'a', descobren un novo mundo da man dun personaxe peculiar, Pumariño. O xogo de introducirse no imaxinario dos cadros acaba enredándose coa perda dun deles no escenario labiríntico da torre. O mesmo argumento, con reminiscencias do mundo da Alicia de Carrol, a partir do que xermolou a novela de Xabier P. Docampo, é a base dunha nova obra en versión cinematográfica impulsada por Xosé Xoán Cabanas Cao, a través da produtora Vimbio Filmes, e dirixida por Carlos Amil.
Esta semana comezou a rodaxe da película na carballeira de Baio (Zas), a onde foi preciso trasladar a embarcación "Manuel Antonio", vivenda dunha das personaxes e un dos elementos fundamentais do decorado. Este traballo prolongarase ata finais de agosto, pasando por outras vilas como Betanzos, na procura da ben galega Eiravella fabulada por Docampo.
"En realidade tanto a Eiravella coma a Eiranova dos meus libros son o mesmo sitio, pero que nuns me serve para contar unhas cousas e noutros outras", aclara Docampo. O obxectivo do escritor cando localiza as súas historias nelas é reflectir os trazos de vilas galegas que coñece ben: "o Castro (de Ribeiras de Lea) da miña infancia, Pontedeume, Celanova, Monforte de Lemos, Betanzos...".
Xabier P. Docampo "orellará" parte da rodaxe para difundila a través do seu blog. Xa ten ideas: "o primeiro día durante a comida escoitei unha conversa entre dúas mulleres, un melodrama tremendo". A anécdota da anécdota é que o escritor soubo finalmente que esa trama era o argumento dun libro, que estivo a piques de plaxiar. "O escritor vive de orellar", confesa, "o mundo está cheo de historias e mesmo pode facerse un conto a partir dunha frase tan simple que lle di un neno á súa nai nun centro comercial: mamá, se non che pido nada cómprasmo".
Docampo ten traballado como guionista e tamén dirixiu algún proxecto audiovisual, polo que coñece ben o medio. De feito, o cerne d'A casa da luz foi un guión cinematográfico que no seu momento non se puido realizar e por iso se converteu en novela. O empeño persoal do produtor, Cabanas Cao, levouno a retomar o proxecto e encargarlle a dirección a Carlos Amil.
"Sobre o filme deben falar os que a están facendo posíbel, unhas cincuenta persoas que andan rebulindo estes días por Baio", manifesta o escritor. Opina que "as artes son as linguaxes" e que en cada versión "a obra adquire elementos diferentes". Con todo, non agocha a súa emoción: "o país está vivo e aproveita a súa intelixencia; fíxose a novela porque hai un sector editorial importante e estase facendo a película porque hai un cinema galego". E engade: "o que me enche de orgullo é ver que é un filme de creación absolutamente galega, ver que polo menos o país da imaxinación funciona, como ten dito Manuel Rivas".
Nalgúns casos a elección do galego como lingua de rodaxe constitúe unha barreira para producir un filme, pero A casa da luz conta con apoios abondos. Carlos Amil sinala a vantaxe que supón que Televisión Española xa mercase o filme, "aínda que logo fagan a súa versión dobrada".
No tocante ao resultado da película destaca Docampo: "o que espero é ver anacos da miña novela e que Carlos faga o que fan os bos ilustradores, contar o que eu non fixen". Para el o fundamental é que "as personaxes estean vivas e lle pasen cousas novas". Ten claro que o filme é a obra do director, para logo poder dicir iso de "a min gustoume máis a novela, igual que a un sempre lle gustan máis os seus fillos que os dos outros".
O director salienta a absoluta liberdade coa que se enfrontou ao guión, polo que o filme está concibido dende o seu punto de vista. "Docampo díxome que fixera o que me petase, que era a miña película e eu tamén lle dixen a el que non pensaba mover nin unha coma da súa novela se volvían editala".
Ambos os dous, Amil e Docampo, destacan o traballo de Xosé Cobas, ilustrador da novela, que se encargou de darlle tamén un criterio visual a todo o filme. Pintou os cadros que van aparecer na longametraxe e participou no deseño artístico, propostas que desenvolveu finalmente Rodrigo Roel. Amil aludiu tamén á importancia de Alfonso Parra, o director de fotografía, e do tratamento lumínico e de cor. O que van intentar é "xogar con diferentes graos de cromicidade para diferenciar o mundo real dese outro, que -aclara Amil- tamén é unha forma de aproximarse á realidade".
É posíbel que a principios do ano vindeiro podamos opinar, pois o plan de traballo segundo o director é o seguinte: "o proceso posterior de edición, montaxe, etc., esperamos que dure uns catro ou cinco meses e o filme estará rematado entre xaneiro e febreiro de 2009; a partir de aí as cuestións comerciais e de distribución xa non me atinxen a min".
A casa da luz está chea de segredos, algúns que nos irá contando Docampo no seu blog e outros que é preciso conservar. Como nos lembra o escritor: "hai que ir ao cine con toda a inocencia posíbel para sentir na pel a beleza da obra, hai que crer todo, ese é o pacto ficcional".
Traslado do 'Manuel Antonio'
Probas de selección do elenco
Barco preparado para a rodaxe