Noticias

"Unha chea de familias"

"O álbum é o subxénero que maior relación suscita entre xeracións"

09-07-2008

O último libro de Xosé Antonio Neira Cruz, un volume ilustrado por Rodrigo Chao, inaugura a colección Álbumes de Galaxia.

Hoxe imos contar un conto titulado Unha chea de familias, escrito por Xosé Antonio Neira Cruz e ilustrado por Rodrigo Chao Blanco, recentemente publicado pola editorial Galaxia e presentado na pasada Feira do Libro de Vigo.

Érase unha vez unha nena chamada Mariña, que vivía no seo dunha familia monoparental e sempre lle facía a mesma pregunta ao seu pai: "por que a mamá non está connosco agora?". Seica había tempo que marchara para o hospital e nunca máis volvera. Ela non acababa de entendelo. Un domingo pola mañá Mariña mudou un pouco a pregunta: "papá, por que todos os nenos teñen a súa mamá e eu non?". O pai reaccionou rapidamente e díxolle que iso non era verdade, que hai moitas posibilidades. Para saciar a curiosidade da pícara propúxolle un xogo, ir de paseo polo edificio e coñecer os distintos tipos de familias que viven en cada andar.

Visitas encadeadas
Así comeza a historia de Neira Cruz e máis ou menos así nola contou el. A partir dese momento comeza un periplo de visitas encadeadas nas que Mariña e o seu pai aprezan esa diversidade, "a súa realidade inmediata, pero que non coñecen", aclara o escritor.

Neira Cruz descubriunos algunha desas familias: "A primeira porta á que chaman é a do lado, onde viven un pai, unha nai, un neno, unha nena e un hámster, que tamén forma parte da familia. Estes suxírenlle ir ao 2ºD, onde mora Tao, unha nena chinesa adoptada. Tao proponlles visitar a Aisha, unha nena marroquí integrante dunha familia numerosa. Logo van ver unha señora que ten dous xemelgos e Mariña pregúntalle se ao seu pai lle pasou coma á súa nai. A señora contéstalle que a que foi ao hospital foi ela. No ascensor coñecen a unha parella de mozos, no ático a Lía e a Rosa, cos seus cinco fillos, todos músicos..." e así sucesivamente.

Un dos personaxes máis entrañables é o señor Paco, un home cego, vendedor do cupón, sumido na tristeza trala morte da súa muller, ata que alguén decidiu regalarlle un can. Configuran o señor Paco e o seu can unha familia? "Iso non queda explicitado no libro, porque non é preciso explicalo todo, de igual xeito que non aparecen as palabras gay ou homosexual, porque non son necesarias", responde Neira Cruz. "A conclusión que intento que se tire de todo isto é que o que identifica a unha unidade familiar é o amor". "Con respecto ás familias que se levan mal, penso que en certo modo xa non son tan familia", engade.

Unha cousa quédalle clara a Mariña: "hai tantas familias coma persoas".

Colorín, colorado...

Responsabilidades da LIX
O autor considera que "a LIX ten varias responsabilidades, a primeira, a de iniciar aos máis novos no pracer de ler". Así mesmo, cre que "ten unha dimensión formativa, aínda que non necesariamente, e que debe tentar ir alén da experiencia de lectura, trazar modelos de vida". E para mostra, un botón: "quen de novo, esa etapa na que nos facemos tantas preguntas, non atopou algunha resposta nun libro?". Neira Cruz tamén aludiu ás posibilidades do manexo da LIX no ensino, "que lle pode servir aos profesores para introducir temas non estritamente literarios".

A través da presentación desa 'chea de familias' o libro aborda outros temas como a aceptación da morte e a enfermidade, a inmigración, o divorcio, a identidade sexual, a diferenza cultural, a vellez e a soidade. Segundo Neira Cruz "o libro tenta amosar a realidade dun xeito natural, nin edulcorado nin cru". Destaca a alusión á depresión, "que é un xeito de sentirse illado, aínda que esteas rodeado de xente e faga un sol radiante" e ao alzheimer, "que é unha maneira de illamento dun mesmo". Teno claro: "hai que contarlles estas cousas aos nenos, sen dramatizar".

Para o escritor o ideal de lectura do seu libro "é que sexa conxunta, dos adultos e dos nenos, e que logo se dediquen a investigar a diversidade de situacións que hai ao seu redor, non só familiares".

As ilustracións
Unha chea de familias está ilustrado polo debuxante boirense Rodrigo Chao. Na crítica do libro realizada por An Alfaya comeza dicindo que "a presenza das imaxes é fundamental" e que o volume "entra polos ollos e polo tacto".

Rodrigo Chao comenta a gran liberdade que tivo á hora de imaxinar o álbum e destaca do seu estilo a importancia das texturas. "O que fixen foi deformar as imaxes, pero seguen sendo figurativas, non abstractas", salienta, "esa foi a única premisa do escritor, que se recoñecesen as personaxes". Afeito á acuarela, o debuxante mestura varias técnicas tradicionais, tratadas logo dixitalmente.

Neira Cruz pensa que co seu traballo "o ilustrador reflicte a súa propia lectura do texto e engade elementos novos, polo que debe ter liberdade de actuación". Nesa interpretación a personaxe do pai foi a que inspirou o traballo de Chao: "imaxineino como o gran protector, de aí as súas dimensións".

Ambos os dous coinciden en que o deseño do álbum é moi xeneroso. "O formato é panorámico, moi parecido ao cinema, polo que ofrece moitas posibilidades", especifica Rodrigo Chao. Segundo o debuxante aí reside a mellora do panorama galego da edición ilustrada, "no coidado da maquetación e na promoción de novos formatos, apostando por unha maior creatividade, pero aínda falta moito por facer". Pola súa parte, Neira Cruz considera que "vivimos un momento de moitas expectativas coa aparición de coleccións novas e editoriais especializadas". E apunta: "o álbum ilustrado é o subxénero que permite saltar abismos entre os lectores infantís e adultos porque é un obxecto de arte co que gozan todos, é o que maior relación interxeracional suscita".

Unha chea de familias, unha lectura recomendada e compartida.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |