A Real Academia Galega quere recoñecer "a dedicación total e desinteresada" do ensaísta e político lancarao ao longo de toda a súa vida "na defensa de Galicia".
O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou na sesión ordinaria do sábado pasado dedicarlle o Día das Letras Galegas'09 a Ramón Piñeiro López. Cúmprense así os prognósticos, que tamén barallaban os nomes e Ricardo Carvalho Calero ou Uxío Novoneyra, nos que xa se pensa para o ano 2010.
A RAG destacou "a dedicación, total e desinteresada" de Ramón Piñeiro "á defensa de Galicia" e manifestou que "a súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutíbel e necesaria cara ás novas xeracións".
Salientou tamén o seu labor de tradución, en colaboración con Celestino Fernández de la Vega, das obras de Pokorny e Heidegger e mais os seus traballos de pensamento e filosofía como "un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando a súa cualificación como lingua rural e poética na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra".
Político, ensaísta e editor
Figura relevante da esfera política e intelectual, contribuíu á modernización e institucionalización da cultura galega ao longo do século XX.
Ramón Piñeiro, nado en Láncara (Lugo) en 1915, militou dende ben mozo nas frontes galeguistas, actividade que lle reportou o encarceramento durante tres anos no franquismo máis rigoroso da posguerra.
Deseguido participou no desencontro entre os galeguistas exiliados, partidarios dunha loita de guerrillas, e os do interior, que pretendían afianzar a cultura entre as novas xeracións, alén de maiores aspiracións políticas. De aí a súa intervención, ao carón dos homes sobranceiros do momento, na fundación de Editorial Galaxia como proxecto de dinamización da cultura e o pensamento galegos.
Esa necesidade da reafirmación cultural de Galicia como camiño fundamental para a súa realización como pobo, alicerce do seu pensamento, reflíctese en boa parte da súa obra ensaística, recollida nos libros Olladas no Futuro, Galicia, A Linguaxe e as linguas e Lembrando a Castelao.
Outros textos de seu céntrase no que se etiquetou como "filosofía da saudade": Siñificado metafísico da saudade, notas pra unha filosofía galaico-portuguesa e Filosofía da saudade.
Na Transición formou parte do primeiro Goberno Autonómico, electo deputado pola provincia de Lugo, onde integraba como independente as listas do PSdeG. Neses anos asentou a súa idea dun "galeguismo difuso", é dicir, espallado por todas as formacións, no canto de configurar un só partido de ideoloxía galeguista forte.
Participou activamente nas distintas institucións culturais. Ingresou na RAG en 1967 e promoveu a creación do Consello da Cultura Galega en 1983, do que foi o primeiro presidente ata a súa morte, en 1990.
Tres anos máis tarde creouse o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, entidade que pasou a se chamar Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades en 1997.