A editorial recibe a Medalla de Ouro de Galicia pola súa achega á cultura e á historia do país.
O Consello da Xunta aprobou onte a concesión da Medalla de Ouro á Editorial Galaxia, para o que valorou "a contribución da editorial aos intereses de Galicia dende a súa fundación". Recoñécese así o labor de figuras senlleiras, que avezaron a presenza da lingua e a cultura galegas nos tempos adversos do franquismo.
O proxecto superou a 'longa noite de pedra' e ten editados case 2.500 títulos e un catálogo vivo dun milleiro, dende o primeiro, Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, ata as novidades máis recentes. Con forzas renovadas recibirá este galardón nun acto solemne que se celebrará o próximo 25 de xullo en Compostela, xusto no día en que a editorial cumpre o seu 58 aniversario.
O seu actual director, Víctor Freixanes, valora a boa nova como "un premio á memoria histórica de cincuenta e oito anos, sen a cal non é fácil concibir a cultura galega contemporánea". Lembra como na fotografía da asemblea fundacional da editorial estaba presente "todo o galeguismo do exilio interior e exterior". Fixo unha mención especial para Ramón Otero Pedrayo, o primeiro director, Manuel Gómez Román, daquela secretario do Partido Galeguista, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, actual presidente do consello de administración, e Carlos Casares.
Freixanes analiza os comezos de Galaxia, que botou a andar cun obxectivo claro de defensa da lingua e a cultura galegas e coa vontade de conectar coas novas xeracións: "naceu un ano antes ca min e os fundadores consideraban que a cultura era unha bo xeito de achegamento ás xeracións emerxentes, de feito, mesmo os que naquel intre adoptaron posicionamentos críticos fronte ao proxecto hoxe se consideran fillos de Galaxia".
O director define a iniciativa editorial de Galaxia, que vai alén das leis do mercado, como "un centro de xestión do coñecemento". Nese sentido mencinou a diversificación de propostas impulsadas ao longo desa dilatada andaina, dende a edición dos primeiros discos de música galega ata a elaboración da revista Grial.
O desafío e a responsabilidade da editorial na actualidade, segundo Víctor Freixanes, é "loitar contra o sistema da globalización e ser capaces de estar presentes sen perder a identidade". Iso implica a posta en marcha de novos proxectos, tendo en conta as posibilidades das novas tecnoloxías. Engadiu: "Esperamos chegar a un acordo con Google para a dixitalización dos nosos fondos e hai que dar o paso á comercialización a través da rede".
Ante as visións apocalípticas sobre a vixencia do libro Freixanes é claro: "o pesimismo é reaccionario". Malia os serios problemas do sector galego -"a difícil transmisión familiar da lingua, os baixos hábitos lectores, os efectos da sociedade de consumo e das novas tecnoloxías..."- o director de Galaxia pensa que hai moitas bazas que xogar. "Isto pasa tamén polo deseño dun proxecto político futuro que leve a sociedade detrás", destacou. E para rematar aludiu a unha experiencia como metáfora. Logo de sufrir un accidente ante a dor que sentía un amigo díxolle: "mentres che doa significa que estás vivo". Trasladou a sentenza á cultura galega en xeral.
Fernández del Riego nunha visita ao actual equipo editorial
Asemblea Fundacional, Compostela, 1950