A casa de Mango Steet“Deshonra” e “A casa de Mango Street” son os dous novos títulos de narrativa que a editora pon na rúa.
A editora de Cangas tira un par de volumes novos dentro da Colección Contemporánea e escolleu desta vez a novela que J. M. Coetzee escribiu antes de recibir en 2003 o Premio Nobel, Deshonra (Disgrace, no orixinal de 1999) e mais a que supuxo para Sandra Cisneros ser unha autora coñecida no ámbito estadounidense nos anos 80, A casa de Mango Street, traducida do inglés por Alicia Meléndez Sousa.
Moisés Barcia, director de Rinoceronte, conta entre os motivos da escolla a representatividade das diferentes literaturas do mundo “neste caso as dúas en lingua inglesa pero de autores de orixes non centrais, un surafricano e unha chicana” así como o feito de que “as obras nos gustasen, unido isto a un criterio de calidade”.
Nos dous casos son obras xa traducidas ao longo desta década a linguas do contorno e no mercado a prezos semellantes aos que agora teñen nas librarías galegas, algo que segundo Barcia non lles afecta especialmente ao atenderen “ao interese intrínseco das obras”. Así, di que “o feito de que estean ou non en castelán non o valoramos, aínda que é certo que se non o estivesen poderían venderse un pouco máis”.
Se falamos da liña da editora, e da ambición de publicar dous autores tan recoñecidos como Coetzee e Cisneros, o director de Rinoceronte alude á necesidade de “relativizar os premios”. Menciona o feito de que malia ser complicado que un autor que acade o Nobel sexa un mal escritor, seguen tendo en conta a necesidade de atender o menos visíbel porque “hai xente completamente descoñecida con moita calidade, e queremos crear un catálogo en que isto sexa o que prime, no que poida haber de obxectividade aí”. E recunca na representatividade ao dicir que “quizais estea accesíbel nas librarías namais un 10% do que se escribe no mundo”.
Sobre o seu labor na tradución de Deshonra fala do gratificante de volver a un oficio que desatende por compaxinalo co de editor e de que neste caso o foi especialmente ao tratarse da obra “dun gran escritor, ambientado na Suráfrica recente”. Conta tamén o interesante que lle resultou o feito de que “o autor prescinde na caracterización dos personaxes de dicir se son brancos ou negros, pero sábese en todo momento a que grupo social pertencen pola extraordinaria caracterización” e alude ao feito de que ao traducir se repare máis nestes detalles, se cadra menos perceptíbeis na lectura.
Foi Deshonra un libro acompañado de certa polémica polo tratamento que fai dos conflitos raciais, polémica que Barcia minimiza e considera “secundaria e entendíbel dado que o libro reflicte a Suráfrica posterior ao apartheid, unha situación menos exitosa do que cabería esperar’. Considera que o feito de ser Coetzee “branco, con recursos económicos e profesor universitario non debera ser motivo para matar o mensaxeiro” e engade amais que “como lector afeito ao acceso a outras culturas e que aprecia o cosmopolitismo, non aprecio trazos de racismo”.
Para o caso da novela de Sandra Cisneros dinos Barcia que non influíu o feito de que tivese obra na nosa lingua con anterioridade, o poemario Muller ceiba, e que “quizais pasase algo desapercibido por causa de ser poesía” malia considerar importante que os lectores poidan acceder a outra obra, que fora traducida por Marilar Aleixandre e publicada en 1997 na colección Ablativo Absoluto de Xerais.
Verbo d'A casa de Mango Street cóntanos que é ‘un clásico da literatura chicana, con grande éxito nos Estados Unidos’. É esta unha novela de aprendizaxe en que a inmigración, a pobreza ou o patriarcado teñen un peso contundente e “é lectura obrigatoria nas escolas estadounidenses, polos seus valores e a lectura que fai, por exemplo, do feminismo” sobre a que Barcia afirma que isto “complementa o seu valor literario, e está ben que se centre na minoría máis nutrida dos Estados Unidos”.
Entre os vindeiros proxectos de Rinoceronte, logo de pór na rúa recentemente a John Berger ou a Anna Akhmátova, Barcia sinala a autora xaponesa Banana Yoshimoto e a novela Kitchen, “que enlazaría coa de Sandra Cisneros na sensibilidade feminina e con Kawabata e A casa das belas adormentadas, aínda que neste caso Yoshimoto como representante da narrativa xaponesa actual”. Tamén menciona a Bohumil Hrabal, autor de quen xa traduciran do checo Unha soidade demasiado ruidosa, e de quen agora preparan Eu servín o rei de Inglaterra “da que se fixo versión cinematrográfica hai un ano, con este mesmo título”.