Noticias

"Bícame profe"

Do Cumio tira a primeira tradución dunha historieta xaponesa

13-06-2008
Portada de "Bícame profe" Portada de "Bícame profe"

Da autoría de Kazuma Kodaka, foi traducido por María Pampín e é primeiro dunha serie de dez volumes que continuará en setembro.

O mundo da historieta en Galicia anda outro paso coa publicación do primeiro manga que acaba de chegar ás librarías. Bícame, profe (Kussatta Kyoushi no Houteishiki) é a tradución dun álbum da autora xaponesa Kazuma Kodaka, que sae agora en tradución de María Pampín, nun volume de 200 páxinas en branco e negro, formato de peto e sentido oriental de lectura, que recolle os primeiros catro capítulos. Trátase neste caso dunha modalidade particular do manga, o yaoi (aborda as relacións amorosas entre personaxes masculinos), e conta a historia dun rapaz que decide matricularse nun instituto onde traballa o seu amor da infancia.

A idea de Edicións do Cumio, segundo nos conta María Lado, era “buscar un oco onde non houbese moita atención no mundo da banda deseñada en galego”, e por iso escolleron o xénero. No caso da autora debeuse a “ser xa coñecida por unha serie, tamén para adolescentes, que está traducida ao español, Kizuna”. Tamén tiveron en conta “o pouco espazo nas editoras de libros para publicacións deste tipo, se quitamos exemplos coma BD Banda” e o certo esquecemento editorial arredor do cómic.

Bícame profe é, na opinión de Lado, unha obra para todas as idades aínda que presupoñen que van ser os adolescentes os seus destinatarios preferentes. Malia que a adscrición a esta modalidade podería facer pensar nun público moi marcado “trátase dunha historia moi tenra, cun humor recorrente, tamén característico do xénero, e moi ligth”.

Aínda que a tradución máis coñecida é a inglesa, esta realizouse a partir da alemá, da cal se tomou tamén a referencia para o título, e coa que ten, dinos María Lado “máis semellanzas no formato da publicación”.

No apartado da ineludíbel vontade normalizadora da visión da homosexualidade, Lado apunta “o tratamento normal que se lle está dando á historieta” e o feito de que na editora recibisen parabéns pola escolla deste título “antes de comezar coa produción e antes e que se publicase na tradución ao castelán”. Alude tamén á impresión de que os principais prexuízos se dirixan ao manga en conxunto e a superación destes que implica que “a maior parte das lecturas que nos chegaron polo de agora non son de rapaces e si de mozas, que conectan coa dimensión romántica e amábel da historia”.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |