Noticias

Alternativa Galeusca

Os editores galegos, vascos, cataláns e valencianos avogan pola necesidade de axudas á edición interlingüísticas

13-06-2008

Pola súa banda, os escritores constitúen unha federación con motivo da celebración do 25 aniversario do Galeusca literario.

A V edición do Galeusca de Editores tivo lugar os pasados 6 e 7 de xuño coa fin de analizar e debater as principais cuestións que afectan ao sector do libro nas lingua minorizadas. Os principais temas de debate foron as axudas á edición, a gratuidade dos libros de textos, os dereitos de autor e a proxección exterior. Coñécense, a través da Asociación Galega de Editores (AGE), as conclusións do encontro, unhas liñas xerais de actuación, para concretar en acordos futuros de aplicación máis directa cos editores vascos, cataláns e valencianos.

No tocante ás axudas, acordouse manter e sistematizar o intercambio de información sobre os plans específicos de cada territorio Galeusca. Así mesmo, falouse de instar ao Ministerio de Cultura a modificar o seu sistema, para que estimule a edición de obras de interese cultural e de difícil comercialización, sen outras vinculacións ás dotacións que as de libros para bibliotecas. Para o ámbito da UE o obxectivo é establecer un diálogo co Comisario Europeo do Multilingüísmo e solicitar para as axudas un carácter interlingüístico e intercultural.

En canto á gratuidade dos libros de texto, reivindicouse o recoñecemento da importancia da elaboración de contidos curriculares en papel e lamentouse que as repercusións negativas da medida previstas no anterior Galeusca de Editores, hai tres anos, confirmáronas diferentes estudos técnicos.

En definitiva, afirmouse a vontade de traballar polo aproveitamento de tódalas sinerxías derivadas da pertenza ao Galeusca, en particular no relativo aos dereitos de autor. Preténdense fixar trocos sistemáticos de títulos, autores e proxectos e mesmo darlle un pulo á coedición. Búscase unha interacción máis estreita e directa, cunha comunicación fluída a través da rede.

No relativo á proxección exterior considerouse de especial relevancia preservar a especificidade da cada cultura. Fixouse un compromiso para elaborar fórmulas de colaboración en materia de promoción internacional, evitando esquemas uniformadores. As propostas polo miúdo quedan pendentes para outros foros e xuntanzas, entre os que as feiras internacionais constitúen un lugar produtivo de intercambio de ideas.

Galeusca literario

Os escritores galegos, vascos e cataláns uniranse oficialmente o próximo domingo na Federación Galeusca de Escritores. A constitución coincide co 25 aniversario de celebración do Galeusca literario, un encontro anual para establecer vínculos entre os creadores das tres linguas.

O obxectivo da federación nacente é representar promover e defender os autores en lingua catalá, éuscaro e galega, e mais coordinar as accións dos seus membros cara a unha maior eficacia na defensa dos dereitos profesionais. Centrarase na actuación conxunta tanto fronte as institucións públicas estatais, autonómicas e europeas coma as entidades de carácter privado. Así mesmo, Galeusca traballará pola difusión e promoción das respectivas linguas e da súa literatura nos distintos xéneros e soportes; o desenvolvemento de programas de investigación e formación; a organización de congresos, seminarios, cursos, exposicións e outras actividades colectivas; a edición de documentos, estudos e traballos de divulgación e a participación en organismos públicos e privados.

O acto de constitución da federación terá lugar en Poblet (Cataluña), coa asistencia dos presidentes das tres asociacións implicadas: Guillem-Jordi Graells (Associació d'Escriptors en Llengua Catalá), Fito Rodríguez (Euskal Idazleen Elkartea) e Cesáreo Sánchez Iglesias (AELG).


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |