A Consellaría pretende facilitar que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción literaria a mercados exteriores noutras linguas. Ao mesmo tempo, procúrase facer posible que se poidan atopar no noso país e na nosa lingua textos significativos producidos no exterior, incluíndo obras de referencia clásicas e de actualidade.
Estas convocatorias procuran o incremento do número de traducións nos dous sentidos. O ano pasado presentáronse 67 proxectos de tradución ao galego e 50 do galego a outras linguas, o que supuxo un incremento notable fronte aos 37 e 21, respectivamente, do ano 2006.
A convocatoria de axudas á tradución desde e para o galego foi publicada hoxe no DOG. As axudas están dirixidas ás empresas editoras, cun orzamento de 282.689 euros. No caso da tradución para o galego desde outras linguas, cada beneficiario poderá recibir entre o 50% e o 75% dos gastos de tradución, cun límite de 6.000 euros. Para o caso de obras orixinariamente escritas en galego, mantense o mesmo límite pero o sistema de cuantificación varía: entre 20 e 30 euros por páxina cando a lingua de destino sexa algunha das faladas na Península Ibérica e entre 25 e 50 euros para as restantes linguas.
Probas de tradución
Para favorecer a exportación de textos de autores galegos a outras linguas, este ano a Consellaría de Cultura convocou por primeira vez axudas ás probas de tradución, cunha partida de 25.000 euros. Trátase de apoiar a tradución a outras linguas de fragmentos de entre 100 e 1000 palabras cos que se procura que as persoas ou entidades do exterior poidan formar unha primeira opinión con respecto da obra, para iniciar os contactos para a edición dese texto na súa lingua.
Estas axudas foron publicadas no DOG do 22 de maio, e o prazo é dun mes desde o día seguinte á publicación. Poden optar os autores dos textos ou as editoriais. A contía máxima é do 75% do orzamento da tradución da proba, cun tope de 180 euros para probas que teñan como lingua de destino o castelán, catalán, francés, inglés, italiano e portugués, e de 240 euros para as que se traduzan a outras linguas.
Á hora de avaliar os proxectos das distintas convocatorias para traducións, a Consellaría prestará atención, entre outros criterios, á calidade e o interese das obras, á calidade da lingua e á formación de coleccións. Tamén terá en conta aqueles casos de especial importancia cultural pero con pouca demanda comercial.
Grandes proxectos editoriais
Por outra parte, o DOG de hoxe tamén publica as axudas a materialización de grandes proxectos editoriais de libro galego. A Consellaría de Cultura e Deporte destina 295.387 euros a estas axudas, dirixidas tanto á edición tradicional como en novos soportes. O obxectivo é contribuír á existencia dun catálogo de grandes obras en lingua galega, importantes para o crecemento intelectual do país.
As subvencións están dirixidas a editoriais, que poderán recibir ata 60.000 euros, cun máximo do 75% do prezo de venda de 500 exemplares. Na concesión das axudas teranse en conta criterios como a calidade da obra e da lingua empregada, o seu interese e a incidencia da obra. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá.