Noticias

Polaqia e BD Banda

Banda deseñada: A Coruña desde aquí parece Nova York

05-06-2008
Panel 1 d'As bases da banda Panel 1 d'As bases da banda

O Museo do Cómic de Nova York terá unha mostra de publicacións do Colectivo Polaqia e a asociación BD Banda coloca na rede unha sección pensada para a comunidade educativa.

Polaqia xunta unha ducia de debuxantes e autores de banda deseñada de Galicia. O seu contacto co colectivo Calavera Cómics permitirá que as súas publicacións se poidan adquirir na principal mostra de cómic indepente de Estados Unidos, que vai ter lugar os vindeiros sete e oito de xuño. O debuxante ourensán David Rubín conta que isto se debeu "á colaboración entre colectivos e ao interese común polos traballos" e dinos que agardan que sexa un primeiro paso para que estes autores estadounidenses "poidan publicar en Barsowia e o traballo de debuxantes de aquí se vexan fóra". De feito mostra a súa satisfacción con que as publicacións de Polaqia, ademais de se amosaren nos dous días que dura o festival "serán logo distribuídas en tendas, o que implica colocar unha primeira pica no imperio".

É esta unha mostra dos resultados do traballo común, e así Rubín di valorar particularmente as iniciativas de vertebración da banda deseñada "xa á parte do ámbito institucional, que está sendo de moita axuda" e fala da necesidade de “sumar iniciativas tamén na produción” porque o contacto con outros colectivos, “sexan de aquí ou de fóra, acelera moito as cousas polo feito de falarmos sen mediación, de autor a autor”. Continúa aludindo ao bo momento da banda deseñada galega, “o mellor que houbo nunca, sen que por iso debamos botar o sombreiro ao aire” e menciona a necesidade “de ser conscientes de que subimos o primeiro chanzo e agora é preciso continuar coa mesma ilusión”.

Nesta edición de Viñetas desde o Atlántico poderanse coñecer as publicacións de Calavera Cómics nun paso máis deste traballo de colaboración que Rubín agarda que “continúe cara á posibilidade de publicacións compartidas e sirva para abrir camiño para outras asociacións”. No caso de Polaqia traballan para amosar no verán en Viñetas o seguinte número da revista Varsowia, que será o 12, e tamén unha novidade da colección Sketchbook, “monográficos que son unha especie de making-off, neste caso dedicado a Roque Romero, autor que leva anos de traballo na banda deseñada e temén na edición” logo dun primeiro que contiña o traballo do autor de Vilaverzas, Miguel Robledo.

E neste mesmo día soubemos dun novo proxecto que o colectivo BD Banda acaba de colocar na rede co nome de BDagoxía. Neste novo espazo na web pódese descargar íntegra a mostra As bases da banda e mais a súa guía didáctica, que xa estiveron por diferentes centros do país durante os últimos meses. Falan tamén da pretensión de actualizar este espazo con novos recursos e informacións, e de desenvolver proximamente novas actividades de dinamización.

Segundo nos conta Germam Hermida, un dos integrantes do colectivo, BDagoxía responde a unha necesidade que vían de “estender o coñecemento da banda deseñada no ámbito educativo, sobre todo ensinándolles aos formadores a empregar os materiais de que dispomos”. Comenta que se meteron no proxecto ante a falta de iniciativas neste eido e que foi determinante o apoio da Consellaría de Cultura así como o contacto “con profesores que xa estaban usando banda deseñada para as aulas, que os hai” e a pretensión de iren compartindo experiencias e de que non sexan eles o único colectivo dedicado a esta cuestión, ante “o inmenso traballo que queda”.

Cóntanos Hermida que BD Banda está agora traballando no proceso de avaliación a partir da información que lles remiten “dos centros en que xa estivo a exposición "As Bases da Banda" e que están distribuíndo folletos e procurando a difusión do proxecto “en diversas redes culturais e blogs educativos” coa pretensión de chegar aos ensinantes.

É este un proxecto de dinamización da historieta pioneiro no noso contexto, e así Hermida fala do interese que espertou en Cataluña “unha iniciativa que comezamos con humildade, pensando que fóra xa estaría desenvolvida” e que foi moi ben recibido “por parte de críticos de cómic e bibliotecas catalás cando lles explicamos o traballo”.

Igual ca Rubín, Hermida valora tamén o momento que se está a vivir o cómic en Galicia e menciona a Mesa da Banda Deseñada, “un espazo en que se senten representados moitos colectivos e que está conseguindo un marco fluído para a coordinación, algo moi ilusionante".
Sobre os vindeiros proxectos de BD Banda fala da achega para a publicación en Faktoría K dun álbum que compila traballos de Jacobo Fernández contidos na revista Golfiño e que se titulará As aventuras de Archimboldo Roque.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |